CulturaCulturaÚltima hora

Leonardo Vidal expón na Sala de Exposicións de Verín

A obra pictórica “Melodías de luz e cor” estará aberta do 16 de marzo ao 21 de abril
A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, o artista Leonardo Vidal e o alcalde Gerardo Seoane.

A Sala de Exposicións de Verín acollerá do 16 de marzo ao 21 de abril a mostra pictórica “Melodías de luz e cor”, unha selección das creacións máis recentes do artista verinés Leonardo Vidal Rodríguez.

Tras anos sen expoñer en Verín, Leonardo, descoñecido polas gamas de cores nas que agora crea, convida de novo á veciñanza da comarca para degustar a súa obra. A crítica especializada di do decano dos nosos artistas: “Xa sabiamos da súa valentía de trazo, ponderada por críticos e amantes da arte, así como da súa cor contida e realista, hiperrealista en ocasións, vólvese impresionista e inquietante en moitas das súas obras”.

A exposición foi presentada na casa consistorial de Verín polo propio autor, o alcalde Gerardo Seoane e pola concelleira de Cultura, Emilia Somoza, quen animou a que as veciñas e os veciños de Verín e da comarca de Monterrei acudan á convocatoria que Leonardo fai a través do Concello de Verín como anfitrión. “Convídoas e convídoos porque teño a seguridade de que van ter a grata sorpresa de encontrarse cunha nova dimensión dun artista que parecía que xa expresara por medio do pincel todo o que lle bulía pola cabeza e que agora ofrécenos a outro Leonardo baixo a sinatura do Leonardo de sempre”.

A exposición poderá verse de luns a venres de 17 a 21h; e sábados, de 10 a 14h e de 17 a 20:30h.

Artigos relacionados

Back to top button