OurenseÚltima hora

Leroy Merlin abrirá a tenda “máis grande de Galicia” en Ourense

 

A tenda, a cuarta que se abre na comunidade, ten previsto xerar 120 postos de traballo entre directos e indirectos cunha inversión de 22 millóns de euros
A presentación da tenda tivo lugar no Salón de Plenos do Concello.

A Compañía Leroy Merlín vai abrir unha tenda en Ourense. Segundo explicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa hoxe, 3 de xaneiro, “será a máis grande de Galicia”. O rexedor municipal estivo acompañado por Juan Sevillano, director de desenvolvemento de Leroy Merlín en España, que corroborou as palabras do rexedor municipal.

Esta tenda é a cuarta que a compañía ten en Galicia, as anteriores están en Vigo, Santiago e A Coruña. Segundo contou Vázquez, esta nova apertura suporá “unha inversión de 22 millóns de euros e a creación de 120 postos de traballo” (100 directos e 20 indirectos). Esta nova tenda estará situada en Quintela de Canedo, na Estrada Nacional 120, e ocupará unha superficie de 10.000 metros cadrados.

Juan Sevillano aclarou que deses 10.000 metros cadrados “8.350 son de sala de vendas”. Sevillano reiterou que levan “moitos anos” querendo asentarse en Ourense. En canto á data de apertura, o director de desenvolvemento da compañía dixo que “esperamos que sexa no primeiro semestre do 2019”. Con todo, non hai unha data fixa, polo momento.

A nave ocupará unha superficie de 10.000 metros cadrados e estará situada en Quintela de Canedo (N-120).

 

Artigos relacionados

Back to top button