A RúaConcellosO CarballiñoÚltima hora

Levántanse as restricións especiais no Carballiño, mentres A Rúa segue en observación

Así o anunciaba o presidente galego tras a reunión do subcomité clínico deste venres, que ademais acorda novas medidas restritivas para Vilalba e Laracha

Imaxe da vila da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Subcomité Clínico de expertos que fai seguimento á evolución do Covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu suavizar as restricións vixentes no concello ourensá do Carballiño, e manter baixo vixilancia o municipio da Rúa e o de Vilalba. Anunciábao o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na súa comparecencia tras a reunión do Consello da Xunta

Así, tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais. Na provincia da Coruña, o concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. Así mesmo, o concello lugués de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas.

 

O presidente da Xunta, durante a súa comparecencia deste venres.

 

Entre as novas decisións adoptadas hoxe destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2. Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite.

Unha vez máis, a Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia e solicitando a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”.

Artigos relacionados

Back to top button