ConcellosÚltima horaXinzo de Limia

Licítanse as obras de escavación, consolidación e acodicionamento do Castelo da Pena (Xinzo)

 

Ata o Xinzo de Limia desprazábase o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Esta mañá visitaba San Pedro da Pena, acompañado da alcaldesa, Elvira Lama; para anunciar a licitación das obras de escavación, consolidación e acondicionamento no castelo da Pena por un importe preto de 250.000 euros.

Alén explicou que o obxecto da actuación, cun prazo de execución de 9 meses, é desenvolver traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento do recinto da fortaleza.

O denominado castelo ou fortaleza da Pena sitúase na parroquia de San Pedro da Pena, do concello ourensán de Xinzo de Limia. O sitio está declarado ben de interese cultural e os terreos onde se empraza son propiedade da Xunta de Galicia. Trátase dun sitio patrimonial fortificado da época medieval que presenta un moi bo estado de conservación onde destaca a torre da homenaxe, de planta practicamente cadrada e fábrica de cantaría regular.

Esta fortaleza sitúase en posición aproximadamente central a un recinto ovalado duns 3.000 m2 70 m de longo por 45 de anchura delimitado por unha muralla exterior. Dentro deste recinto poden apreciarse diversas estruturas de muros parcialmente cubertas pola densa vexetación. Nel realizáronse dúas campañas de sondaxes arqueolóxicas nos anos 2016 e 2017 co fin de comprobar o grao de conservación das estruturas do castelo e permitir valorar a viabilidade da súa escavación e posta en valor.

 

 

Gabriel Alén sinalou que coa intervención prevista tamén se pretende realizar un acondicionamento do circuíto e a sinalización mediante carteleira para que os visitantes poidan realizar un percorrido auto guiado. Finalmente, quérese difundir entre a cidadanía os traballos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación.

Esta obra está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button