ConcellosÚltima hora

Licítanse as obras de mellora de 2 estradas autonómicas que dan acceso ás canteiras en Carballeda de Valdeorras

Trátase da OU-122 e da OU-123 e nelas a Xunta investirá máis de 1 millón de euros. As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 20 de maio

Imaxe do firme dunha das estradas nas que vai intervir./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na Plataforma de contratos públicos de Galicia vén de publicarse a licitación das obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, ao seu paso polo concello de Carballeda de Valdeorras, cun investimento de máis de 1 millón de euros.

As empresas interesadas nesta obra, que terá un prazo de execución de 6 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 20 de maio. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos neste mesmo ano 2020.

Esta actuación comprenderá intervencións na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final da mesma na fronteira coa provincia de León, no 26+260, e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio, segundo se informa dende a Xunta.

Os traballos obxecto de este contrato prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, con saneos profundos alí onde sexa necesario, limpeza de gabias e reperfilado de noiros. As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.

Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta intervirá nos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, polo que o firme sofre importantes cargas que obrigan a actuar sobre o mesmo para rehabilitalo. “Trátase, por tanto, dunha intervención que vai máis alá das obras de mellora de firme, sendo unha actuación fundamental para a actividade económica da comarca de Valdeorras”, resaltan dende a consellería.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button