ConcellosÚltima hora

Licítanse as obras para mellorar a captación de auga de Vilamartín

A Consellería de Medio Ambiente licitaba tamén hoxe as obras para a renovación da rede de abastecemento nas Vendas da Barreira en Riós

Vista de Vilamartín de Valdeorras./ Foto: Carlos G-. Hervella.
Vista de Vilamartín de Valdeorras./ Foto: Carlos G-. Hervella.

Tras a súa aprobación no Consello da Xunta, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de licitar o 9 de decembro as obras para mellorar a captación de auga no Concello de Vilamartín de Valdeorras. O proxecto ten un orzamento de máis de 214.000 euros. O anuncio aparecía publicado no Diario Oficial de Galicia e o prazo de execución desta actuación é de catro meses. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a este contrato de obra pública dispoñen ata o 9 de xaneiro.

As obras, que levará a cabo Augas de Galicia (departamento da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas), supoñen a execución das actuacións necesarias para renovar o servizo de abastecemento deste concello, que ten unha poboación de preto de 2.000 habitantes. Segundo informa a consellería, “as obras previstas comezarán pola limpeza da zona do azude, a substitución do cestón de grosos por unhas reixas de desbaste finas e unha malla, e dende este punto instalarase un pequeno tramo de condución. Así mesmo, executarase unha condución de PVC cunha lonxitude en case dous quilómetros, coa valvulería necesaria”.

Unha vez estudada a petición do Concello de Vilamartín de Valdeorras e examinada a súa situación económico-financeira, a Xunta acordaba aprobar a colaboración técnico-financeira das obras e sufragar o 100 destas con cargo aos orzamentos de Augas de Galicia.

Pola súa banda, o Concello de Vilamartín de Valdeorras asume o compromiso de facerse cargo da explotación e mantemento das instalacións unha vez executadas e recibidas as obras.

Por outra banda, tamén hoxe saía publicada no DOG a licitación do contrato de obras para a renovación da rede de abastecemento nas Vendas da Barreira, no Concello de Riós. Augas de Galicia destinará un orzamento de 150.000 euros para a execución desta actuación hidráulica cuxo prazo é de tres meses.

“As obras consistirán na renovación da rede de abastecemento, para o que se dividirá en dúas redes de distribución diferenciadas. A primeira discorre no lado oeste da autovía A-52, para o que se substituirá a actual rede por unha nova de polieteno nunha lonxitude total de máis dun quilómetro, en dous tramos diferenciados, un de case 450 metros e outro de 800 metros, ademais das válvulas necesarias”, segundo a información facilitada dende Medio Ambiente.

Artigos relacionados

Back to top button