SanidadeÚltima hora

Licítase a contratación da obra de reforma das áreas de Farmacia, Cirurxía Maior Ambultaria e Hospital de día no HPV

O orzamento desta licitación é de 1.369.028,11 euros e, unha vez adxudicada, contará cun prazo de execución de seis meses dende a formalización do contrato

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Servizo Galego de Saúde publicaba o 31 de decembro no perfil do contratante unha resolución pola que se anuncia a licitación da contratación dos servizos de execución e da dirección de obra da reforma das áreas de Farmacia, Cirurxía Maior Ambulatoria e Hospital de día Onco-Hematolóxico do Hospital Público de Valdeorras (HPV) no Barco. O orzamento desta licitación é de 1.369.028,11 euros e, unha vez adxudicada, contará cun prazo de execución de seis meses dende a formalización do contrato.

Segundo o Plan de actuacións de mellora e ampliación do Hospital Público de Valdeorras, a unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria disporá dunha nova área de adaptación ao medio, habilitarase unha zona de preparación e recuperación dos pacientes antes e despois da cirurxía, o que permitirá a inclusión de novos procedementos cirúrxico nesta modalidade ambulatoria, que evita o ingreso e que, na provincia de Ourense, representa xa máis da metade das intervencións que se realizan actualmente.

A reforma na área de Farmacia, segundo recolle o devandito plan, permitirá mellorar o sistema de regulación de presión, e a estrutura das salas “limpas”, para a preparación de preparados citostáticos e de nutrición enteral, onde se instalará a nova cabina de fluxo laminar vertical.

E no tocante á reforma do Hospital de día Onco-Hematolóxico, as actuacións céntranse na mellora da confortabilidade dos pacientes, no seu paso por consultas, ampliando estas e os postos de atención dentro da unidade, ademais de reformar as áreas de paso e aseos, para o seu uso adaptado.

A esta licitación en trámite hai que engadir a obra xa adxudicada recentemente da área de consultas externas que terá un inicio inminente e que ambas no seu conxunto posibilitarán unha notable transformación estrutural do hospital.

Estas actuacións teñen por obxecto “dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación valdeorresa, mellorando as dotacións e infraestruturas adicadas á atención asistencial e reafirmando o compromiso do Sergas de potenciar e mellorar o Hospital Público de Valdeorras, garantindo a proximidade da atención especializada á poboación”, segundo o Sergas.

As empresas interesadas en participar deberán presentar as súas ofertas, en sobre pechado, ben no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ben por correo postal. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións será o sábado 26 de xaneiro. Os pregos do concurso público poden consultarse ben na web do Sergas (www.sergas.es) no apartado do perfil do contratante, ben na plataforma de contratos públicos de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button