SanidadeÚltima hora

Licítase a reforma do Centro de Saúde de Ribadavia por 692.815 euros

 

A Xunta de Galicia vén de licitar a obra de reforma do Centro de Saúde de Ribadavia, cuxo proxecto básico foi presentado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado mes de febreiro en Ribadavia xunto co seu redactor, o arquitecto Henrique Ferro Cruz.

Durante estes meses, o equipo redactor rematou o proxecto de execución e os técnicos da Consellería de Sanidade procederon á súa supervisión, o que ten resultado nun incremento do proxecto inicial, que naquel momento estimaba un investimento de 351.500 euros, e que agora se incrementa ata acadar un importe para a licitación da obra de 692.815 euros. Este procedemento de licitación, aberto hoxe na plataforma de contratación pública de Galicia, inicia un prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas que rematará o vindeiro 17 de agosto.

“O obxectivo principal da reforma do centro de saúde de Ribadavia é a rehabilitación e a actualización da envolvente térmica do edificio. Levarase a cabo un illamento térmico integral, instalando un sistema que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Farase unha substitución total da cuberta, incluída a estrutura, substituíndo as chapas metálicas por paneis sándwich con illamento térmico no seu interior; e, tamén, os cerramentos verticais, polo que se cambiarán as carpinterías exteriores por unhas ventás con persianas e vidros dobres baixo emisivos e aplicarase un sistema de illamento térmico exterior”, segundo informa a Consellería de Sanidade.

Así mesmo, realizarase a substitución das lamas de protección solar por uns perfís de aluminio de sección elíptica, que permita unha maior visibilidade exterior sen reducir o control solar, e mantendo a imaxe horizontal do edificio. Aproveitarase esta intervención para pintar o interior e para unha reforma integral dos aseos dos andares baixo, primeiro e segundo, xa que non había aseos accesibles.

A obra obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do Covid-19.

 

Artigos relacionados

Back to top button