SanidadeÚltima hora

Licítase o proxecto de construción do novo centro de saúde de Paderne de Allariz

O novo edificio sanitario, no que se investirán de 624.307 euros, constará dunha única planta con tres salas de consulta, nun edificio de 393 metros cadrados
Recreación do aspecto que terá o novo centro de saúde de Paderne de Allariz.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar o 9 de xullo o proxecto de construción do novo centro de saúde de Paderne de Allariz (Ourense). O orzamento previsto para a construción desta nova infraestrutura sanitaria é de 624.307 euros e o prazo máximo de execución, unha vez adxudicada a obra, é de 9 meses.

A nova edificación vaise construír nunha parcela de 2.255 m2, no lugar de Toxeiras, a uns 150 metros en liña recta do actual centro de saúde, que ten una superficie de 261 m2. O novo edificio terá unha superficie construída de 393,05 metros cadrados, o que supón un incremento de 132 m2, un 50,59% máis respecto ao espazo actual, segundo informa a Consellería de Sanidade.

Segundo o proxecto, presentado en novembro pasado, o novo centro de saúde de Paderne de Allariz constará dun único baixo andar, con tres zonas claramente diferenciadas. Por unha banda está a área sanitaria, que ocupará a parte central da construción e que será de maior tamaño. A súa dereita estará a zona de persoal e a esquerda a das instalacións.

O acceso será a través dun gran recibidor que permite a espera dos pacientes en caso de choiva. Unha vez dentro, atoparase a recepción, os aseos para acceso do público, a consulta médica, a consulta de enfermería e a área da muller/sala polivalente, entre outras. No exterior haberá unha zona de aparcamento con capacidade para once prazas, dúas delas para persoas con discapacidade.

As empresas interesadas en participar deberán presentar as súas ofertas, en sobre pechado, ben no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ben por correo postal. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións será o 6 de agosto. Os pregos do concurso público poden consultarse na plataforma de contratos públicos de Galicia a través do enlace: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=363535

Artigos relacionados

Back to top button