SanidadeÚltima hora

Licítase o proxecto do Centro Integral de Saúde para a cidade de Ourense

 

Coa licitación do proxecto arquitectónico, o Centro de Saúde Novoa Santos dá o seu primeiro paso para convertirse no primeiro Centro Integral de Saúde da provincia grazas a un investimento que se achegará aos 9 millóns de euros e que permitirá a súa reforma integral aumentando ademais ás súas alturas, como anunciu hoxe en Ourense o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun acto no que estaba acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial.

A creación deste Centro Integral de Saúde (CIS) foi anunciada o pasado 2 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, dentro dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá que contempla investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria e que xa tivo o seu primeiro cumprimento coa licitación nesa mesma xornada dunha obra de 52,6 millóns no CHUO consistente nun novo edificio de hospitalización e da reforma do hospital materno-infantil.

Esta semana, coa publicación da licitación do proxecto arquitectónico do CIS, por un importe de preto de 350.000 euros, prodúcese un novo avance dese proxecto. A licitación, con toda a documentación correspondente aos pregos técnicos, está xa publicada na plataforma de contratos públicos de Galicia e o prazo de presentación de ofertas remata o 19 de agosto.

Este novo CIS contempla a ampliación e integración de servizos, para mellorar a funcionalidade da atención sanitaria no centro urbano, incorporando unidades de diagnóstico, con equipos e salas de ultrasóns e radiodiagnóstico; de saúde mental ou de rehabilitación ubicando no mesmo espazo o Punto de Atención Continuada (PAC), o que permitirá deseñar circuítos asistenciais específicos adaptados, en clave de futuro, aos itinerarios clínicos necesarios.

O responsable do departamento sanitario da Xunta destacou que, con este investimento, Ourense contará cunha nova infraestrutura de máis de 5.600 m2 que unificará e aumentará os servizos sanitarios da cidade. Os Centros Integrais de Saúde son para a Consellería de Sanidade un modelo de atención a estender e a potenciar. De feito, a Xunta leva meses avanzando na obra do Lugo e vén de comezar a do de Lalín, cuxa construción está avanzado por diante dos prazos previstos. Ademais, cóntase xa co proxecto do CIS Olimpia Valencia de Vigo, coa intención de licitar a súa obra proximamente.

O actual Centro de Saúde Novoa Santos ocupa un edificio na rúa Xoan XXIII, de mais de 50 anos e que orixinalmente fora un sanatorio cirúrxico, obsoleto en canto a súa distribución e trazado, polo que García Comesaña destacou que a obra “será un exemplo do que de verdade significa un antes e un despois” e “permitirá unificar servizos, integrando a totalidade dos que actualmente se atopan no Novoa Santos e parte dos que alberga o Centro de Especialidades da rúa Concello, como o punto de atención continuada e a unidade de saúde mental”.

Ademais, a nova dispoñibilidade de espazo permitirá incorporar novos servizos como programas de rehabilitación integral: solo pélvico, enfermidades musculoesqueléticas e rehabilitación cardíaca, ademais de ampliar a dotación de recursos, estruturais, diagnósticos e humanos. Máis de cen profesionais traballando xuntos e coordinadamente.

Debido a que o edificio non foi concibido como un centro de saúde, son patentes nel as barreiras arquitectónicas nos accesos, así como a distribución labiríntica das comunicacións interiores. Por elo, Julio García Comesaña, subliñou que os espazos do novo CIS gañarán, non só en accesibilidade e en funcionalidade, senón que tamén en conectividade, luminosidade, independencia, flexibilidade e versatilidade.

 

 

En canto á súa distribución, o novo CIS Novoa Santos disporá dunha área asistencial de atención clínica, con 33 consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e hixienista; 4 salas polivalentes e 4 salas de docencia; ademais das correspondentes salas de técnicas, de tomas de mostras e de espera de pacientes. Área de pediatría, con 4 consultas, médicas e de enfermería, cunha sala polivalente e unha sala de lactancia. A elo engádese a Área de atención á muller con 2 consultas. Ademais, seguirá incluindo o Centro de Orientación Familiar (COF) con dúas consultas de obstetricia, unha consulta de enfermería e unha consulta de psicoloxía.

Xunto a ellas, as novas unidades, como a Área Integral de rehabilitación, cunha consulta de fisioterapia, un ximnasio con 6 cabinas de tratamento e unha sala de rehabilitación cardíaca; a Área de saúde mental, con 17 consultas: psiquiatría, enfermería, traballo social, psicoloxía e docencia; a Área de radiodiagnóstico, cunha nova sala, específica de diagnóstico por ultrasóns, de nova creación, e unha sala de ecografía, ademais dunha Área específica de Telemedicina.

A nova Área de urxencias acollerá o PAC de Ourense, onde contará con 7 consultas, 4 salas –unha delas de illamento e con renovación de aire- outra de observación con 4 postos e outra de reanimación con 2 postos.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

García Comesaña avanzou tamén que a Xunta realizará neste ano reformas noutros tres centros de saúde da urbe ourensá, coa reforma interior do Centro de Saúde de A Cuña (Mariñamansa) para a creación de novos espazos e con obras de mellora de eficiencia enerxética e das instalacións térmicas nos centros de saúde de A Carballeira e A Ponte.

Asemade, destacou na provincia de Ourense a próxima construción ou reforma de 13 centros de saúde máis: un novo centro de saúde na Rúa, cuxo convenio xa está asinado co Concello; as obras de reforma -xa licitadas- dos de Ribadavia e Arnoia, xa licitado; así como convenios para reformar os de Rairiz de Veiga, O Bolo e Amoeiro, dixo, anunciando tamén a sinatura, proximamente, dos acordos para remodelar os de Beariz, Castro Caldelas, Castrelo de Miño, Lobios, Maside, Baltar e Vilardevós.
O conselleiro de Sanidade destacou que “seguimos, pois, impulsando a renovación integral da atención primaria en Galicia”, subliñando que, desde o ano 2009, a Xunta construíu ou reformou 87 centros de saúde en toda a Comunidade.

Conxuntamente coas 7 obras que están agora mesmo en marcha, isto supón a actuación sobre máis de 74.000 metros cadrados e o investimento de máis de 115 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button