Especial NadalMonográficos

Líder en número e en calidade

A oferta termal galega representa o 20% dos establacementos e prazas hoteleiras do sector en España

MapabalneariosdeGaliciaaeitega

Consolidada e con capacidade de atracción de usarios internacionais. Así é a actual industria termal galega. As cifras falan por si soas: máis de 300 mananciais de augas mineromedicinais, explotados por 10 plantas de envasado de auga e 21 balnearios, que son visitados cada ano por unhas 150.000 persoas. Galicia lidera o sector termal español, seguida a certa distancia por Cataluña e Aragón. A súa oferta supón o 20% dos establecementos e prazas hoteleiras no conxunto estatal.

Ademais é a comunidade autónoma con máis distincións Q de Calidade (selo de recoñecido prestixio que concede o Instituto para a Calidade Turística Española, tras superar estritas auditorías anuais) nos seus establecementos termais, cun total de oito. De aí que o termalismo estea considerado como o produto turístico galego máis exportable e atractivo, despois do Camiño de Santiago.

Outro dato a ter en conta é que Galicia foi unha das primeiras comunidades en lexislar neste sector coa Lei 5/1995, de 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios de Galicia (DOG, 21 de xuño de 1995). Nela considéranse “augas minero-medicinais: as nacidas natural ou artificialmente e que polas súas características e cualidades sexan declaradas de utilidade pública e sexan aptas para tratamentos terapéuticos”. Mentres que as termais “son aquelas augas nas que a súa temperatura de xurdimento sexa superior, polo menos, en catro graos centígrados á media anual do lugar en que nazan”.

Apoiándose neste marco normativo xurdía a Orde de 5 de novembro de 1996 da Consellería de Sanidade (DOG, 20 de novembro de 1996) que regula a autorización sanitaria dos establecementos balnearios galegos e o regulamento de aproveitamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade de Galicia (Decreto 402/1996, de 31 de outubro), que sinala que “os establecementos balnearios son aqueles que, estando dotados dos medios adecuados, utilizan as aguas mineiromedicinais ou termais para usos terapéuticos declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde. Consideraranse establecementos sanitarios e, como tales, quedan suxeitos ao disposto na lexislación sanitaria”.

O sector termal galego non é a alleo á conxuntura económica actual, pero está logrando resistir mellor que outros subsectores turísticos, segundo apuntan dende a Asociación de Balnearios de Galicia, que agrupa ao 90% do sector. Esta entidade está integrada por 19 balnearios: dous na Coruña, dous en Lugo, sete en Ourense e oito en Pontevedra. Estes establecementos rexistraban “unha boa ocupación este verán, tendo en conta a situación de crise actual”, segundo revelaba esta asociación no marco da feira Termatalia en Expourense. Así chegouse ao 70% no mes de xullo, ao 75% en agosto e ao 80% en setembro.

Texto: Ángeles Rodríguez Mapa: Asociación de Balnearios de Galicia
(Máis información na edición en papel do Especial Nadal de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button