EntrevistasÚltima hora

Lidia Cao: “Este mural é unha homenaxe ás mulleres de Trives, especialmente ás científicas”

Esta xove ilustradora e muralista, natural de Ordes (A Coruña), está pintando unha obra sobre as científicas trivesas

 

Dun xeito moi especial, artístico, reivindicativo e fermoso homenaxean e dan visibilidade á muller dende o Concello da Pobra de Trives. Dende o 27 de febreiro e ata o 6 de marzo a ilustradora Lidia Cao leva a cabo a pintura dun mural sobre algunhas das mulleres trivesas que destacaron e destacan no ámbito das ciencias. Un percorrido pola historia antiga e actual de mulleres que deixaron e están a deixar a súa pegada. Mulleres de onte e de hoxe, “bravas, científicas, sensibles, fermosas, mulleres nosas das que sentirnos orgullosas” aseguran dende o Concello, que quedarán para sempre retratadas no mural de Trives. “É o noso xeito de celebrar o Día da Muller, con feitos”, aseguran dende o Concello.

A iniciativa forma parte dun proxecto máis amplo que comezaba en febreiro coa conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que contou con dúas mulleres científicas para acompañar virtualmente aos alummos do IES Xerman Ancochea e do CEIP Manuel Bermúdez Couso; e rematará este venres 5 de marzo coa emisión en directo dende Trives, do programa de radio “La Ciencia es Femenino” con profesionais da comunicación de dilatada e sobresaínte experiencia.

Con respecto á artista, Lidia Cao (Ordes, 1997), é unha xove ilustradora e muralista que malia a súa curta traxectoria xa destaca a nivel nacional dentro do seu campo, podendo contemplar obras súas en en Valencia, Zaragoza, Cáceres,… incluso en Francia e Portugal, e agora tamén na Pobra de Trives. Obras de figuras femininas fortes, con miradas que falan de empoderamento e independencia.

 

A ilustradora coruñesa Lidia Cao.

 

¿Cal é o traballo que estás realizando en Trives?

É unha homenaxe ás mulleres de Trives, sobre todo ás científicas. A idea era facelo en febreiro, pero por cuestións meteorolóxicas non pudo ser e houbo que retrasalo, así que fíxose coincidir cos actos conmemorativos do 8-M, Día Internacional da Muller, algo que vai da man xa que as mulleres a retratar son de Trives e están relacionadas co mundo da ciencia, un campo maioritariamente masculino. No mural aparecen seis pero hai moitas máis. De feito sorprendeume a cantidade delas que hai só en Trives, é impresionante.

¿Cal é a mensaxe que queres transmitir con esta pintura?

Como as dimensións do muro son as que son (24 metros de longo x 1,60 de alto de bloques de formigón), e non podo pintar a 50 mulleres, quería facer unhas cantas en representación do resto, complementando a obra cun telón que se está abrindo como símbolo de que aínda hai moitas máis por descobrir. Ademais, no centro do muro vai un símbolo (un híbrido entre o xenoma e o gromo dunha planta), para dar a entender que grazas ao seu traballo crean vida e contribúen á evolución, que tiran para adiante e son máis útiles do que pensan.

¿Cal é o proceso de elaboración dun mural en xeral e deste en particular?

Primeiro fago o boceto para que vexan a idea e ter eu tamén unha guía, e despois xa máis ou menos calculo o tempo que me pode levar facelo, que neste caso será dunha semana porque por exemplo se chove non podo traballar tanto (e onte choveu aínda que non moi forte). Despois, os primeiros días limítome a marcar o deseño coas primeiras liñas, despois vou rechendo de cor os espazos, doulle a liña final e listo. Comecei o sábado 27 de febreiro e conto con que esté rematado este venres.

 

Lidia Cao en pleno proceso de pintado do mural.

 

Estás traballando no centro da vila, en plena rúa San Martiño. ¿Como está vivindo a xente da vila esta iniciativa?

Pois a verdade é que os veciños e veciñas están sendo moi amables, algo que non pasa en todos os casos, de feito en moitos pobos aínda o toman coma un acto vandálico, pero aquí non é así. De feito gústame moito ver a reacción dos veciños coas mulleres que estou pintando, ver que as recoñecen e que me contan historias sobre elas… Está moi ben. Creo que é unha das rúas máis transitadas da vila, polo menos pasa máis xente da que esperaba.

¿Sentes que aos muralistas estanvos valorando como artistas?

Aínda queda por traballar pero si que se está vendo moita melloría porque agora, por exemplo, temos moitas axudas das institucións, dos propios Concellos, e antes non había nada diso. Vai pouco a pouco mellorando. Eu levo tres anos neste mundo e a miña experiencia é boa. Axuda moito que o resto de artistas loitaran polo mundo do mural e tiven sorte polo apoio que me deron pero sei de xente que xa leva 10-15 anos e as cousas vanlle moito peor. Depende das persoas, das circunstancias e tamén do momento.

Máis fotos no seguinte enlace: https://www.osil.info/o-mural-das-mulleres-cientificas-de-trives-vai-collendo-forma/

Texto: Mónica G. Bellver.
Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button