CulturaCulturaÚltima hora

“¿Lidia o Victoria?”, a historia dunha muller vítima de malos tratos contada en primeira persoa

O barquense Luis M. Gurriarán vén de publicar a súa segunda novela que trata o tema da violencia de xénero

Luis M. Gurriarán co libro na Marina da Coruña. /Foto cedida.

 

Ao longo da súa vida Luis Manuel Gurriarán Rodríguez leva escritas moitas páxinas. De feito é unha afección que lle vén xa de novo e “en cando teño un rato pois póñome a escribir”, asegura, aínda que novelas unicamente ten dúas. Hai anos publicaba La Ruta de Las Estrellas, un libro histórico ambientado nos séculos anteriores á Idade Media e agora, en plena pandemia de Covid, presenta o seu segundo título ¿Lidia o Victoria? (Punto Rojo Libros, 2021) que narra a historia dunha muller vítima de malos tratos.

“Estamos nun momento no que afortunadamente a información chega puntual e cada vez con maior celeridade e estamos todos os días vendo mortes por este motivo, é tremendo, día tras día, e iso é o que me chama a atención e o que me empuxa a escribir sobre o particular. É algo que me chama a atención, que me repugna e pensei en facer algo sobre iso”, explica o propio Luis que para dar forma á protagonista, fixo o seguemento sobre o tema, “lin todo o que caía nas miñas mans sobre o particular, vin todo o que se publicaba tanto en televisión como en prensa e noutros medios”, ademais de falar con xente que pasara por este trance, e comezou a escribir.

 

Portada da novela “¿Lidia o Victoria?”, sobre unha escultura de Xelo de Tremiñá (O Barco).

 

Primeiro fíxoo en terceira persoa, “como un narrador que che conta un conto”, pero non lle convencía así que plantou durante uns meses porque pensou que a historia “tiña que ser contada pola propia protagonista, aínda que me resultou moi difícil poñerme na mente dunha muller”, recoñece. Finalmente conseguíao e, primeiro Lidia e despois Victoria (unha muller con dúas identidades) contan a súa propia historia. Unha historia intensa e dura, cun final impactante, que Gurriarán expón ao longo de 117 páxinas cunha linguaxe sinxela e directa. “A intención era que a lectura fose fluída porque é un tema polo que debemos ter máis interese e ao que non se lle dá a importancia que ten. Creo que é algo no que estamos fallando como sociedade”, asegura.

Malia estar preparada para saír en maio de 2020, a pandemia paralizou a publicación da novela que se retrasaba ata febreiro deste ano, así como as presentacións que Gurriarán tiña xa plantexadas, na Coruña (onde vive dende hai case 40 anos) e no Barco de Valdeorras, a súa vila natal pola que sente especial devoción. Por iso quixo renderlle unha pequena homenaxe a través da portada feita a partir dunha escultura de Xelo de Tremiñá. “É moi importante para min pola miña vinculación con Valdeorras porque vaia máis ou menos é a miña terra e Xelo forma parte dela”, di.

Entrevista con Luis M. Gurriarán na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button