En portada

“Lobos sucios”, filme sobre o wolfram valdeorrés, en Londres

A película, baseada nunha idea orixinal do valdeorrés Felipe Rodríguez, chega ao mercado británico
Cartaz de "Lobos sucios".
Cartaz de “Lobos sucios”.

O Regent Street Cinema de Londres, considerado o berce do cine británico, acollerá o 27 de setembro a estrea de “Lobos sucios”, baseado nunha idea orixinal do valdeorrés Felipe Rodríguez Lameiro, que é ademais un dos coguionistas. Esta película, dirixida por Simón Casal, relata a explotación nazi do wolfram existente nos montes de Trevinca, en terras valdeorresas.

O filme proxectábase por vez primeira en España na pasada edición do Festival de Cine de Ourense en novembro do 2015. Logo, o 8 de abril chegaba ás salas comerciais cunha excelente acollida, converténdose na estrea con máis público nos cines galegos. No caso do Barco rexistraba tamén cifras de récord. Ademais recollía dous galardóns nos pasados Premios Mestre Mateo.

Felipe Rodríguez, con outros membros do equipo de "Lobos sucios" nos Premios Mestre Mateo do 2016./ Foto: Carlos G. Hervella.
Felipe Rodríguez, con outros membros do equipo de “Lobos sucios” nos Premios Mestre Mateo do 2016./ Foto: Carlos G. Hervella.

Agora esta longametraxe continúa a súa andaina internacional, neste caso rumbo a terras británicas. O éxito da película ten logrado asemade reactivar o interese polo documental que foi o seu punto de partida e co mesmo título: “Lobos sucios”. Este traballo foi dirixido polo rues Felipe Rodríguez no ano 2006. E no mes de outubro voltará a proxectarse de novo. Será no marco do III Ciclo de Cine no Real Xardín Botánico de Madrid, “compartindo cartaz con “El Olivo” de Iciar Bollaín. Será toda unha honra!”, sinala Felipe Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button