CulturaCulturaGalerías de fotos

“Lobos Sucios” leva O Teixadal e a “Cidade dos Alemáns” a Madrid

Este documental, dirixido polo valdeorrés Felipe Rodríguez, proxectábase no “III Ciclo de Cine e Paisaxe” no Xardín Botánico e tiña unha entusiasta acollida

Coincidindo co décimo aniversario da súa rodaxe, o documental valdeorrés “Lobos Sucios” proxectábase o 19 de outubro no marco do “III Ciclo de Cine e Paisaxe” no Real Xardín Botánico de Madrid. Esta obra rescata a historia da explotación de wolfram na época nazi nas minas de Casaio (Carballeda de Valdeorras), e no entorno do singular e máxico bosque do Teixadal, e serviu de base para a película do mesmo título que se estreaba con gran éxito o pasado abril.

A acollida deste documental non podía ser mellor en Madrid. “Foi unha experiencia preciosa amosar as paisaxes e a historia do noso Teixadal e da Cidade dos Alemáns no Real Xardín Botánico de Madrid”, conta o seu director. “Unha acolida moi calurosa nunha tarde de outono na que se cumpren dez anos da rodaxe e na que os recordos se agolpaban paseando por este real xardín”. Neste percorrido facíase obrigada á visita aos teixos centenarios.

Felipe Rodríguez tamén resalta que os asistentes amosábanse “entusiasmados coa beleza” de entorno valdeorrés e coas historias desta comarca ourensá. “Só podo mostrarme eternamente agradecido ao público de Madrid, a cidade que leva acolléndome 18 anos e na que me sento como en casa. Emociona traer un pedazo de Galicia, de Valdeorras, en forma de documental”.

Fotos cedidas por Felipe Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button