CulturaCulturaÚltima hora

Lois Cid, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2021 polo ensaio “Estruturas de Fusión”

O certame está organizado pola Asociación Outono Fotográfico co apoio da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo

“Estruturas de fusión”.

 

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea nace hai xa uns anos co obxectivo de “promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento”. Asemade, pretende promover a creación dun espazo fotográfico que complemente ao creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autoras e autores tanto nacionais como estranxeiros.

Neste sentido, o traballo do galego Lois Cid elixido polo xurado na edición deste ano entronca á perfección co obxectivo do Premio. Estruturas de fusión “é un proxecto que se mergulla nos espazos en construción como se fosen un xacemento arqueolóxico para analizar os resíduos que fican despois do levantamento dun edificio, relacionándoos cos entullos xerados polo derrube de antigas construcións”, din dende a Asociación Outono Fotográfico, organizadora do certame, engadindo que “Cid traballa sobre os conceptos ligados á temporalidade, a inestabilidade e a disfuncionalidade. Deste xeito torna os procesos de construción e colapso nunha mesma entidade difícil de diferenciar”.

O xurado, que visualizou proxectos chegados desde 23 países, estivo este ano composto por Estefânia R. de Almeida, responsable da Galeria Adorna (Porto); Iñaki Martínez Antelo, xestor cultural e curador; Jon Gorospe, artista gañador da IV edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador Vítor Nieves; e por parte das institución patrocinadoras, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Ofelia Cardo, artista e profesora (en representación da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia).

O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 2 anos e distribuíndo a publicación. A exposición resultante do proxecto de Lois Cid inaugurarase en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de Portugal e do resto do Estado Español.

Artigos relacionados

Back to top button