Galerías de fotos

Loita entre mouros e cristiáns na Saínza

A Saínza revivíu un ano máis a recuperación da fortaleza por parte das tropas cristiás

Miles de persoas se congregaron o domingo 22 de setembro no campo da Saínza en Rairiz de Veiga, para asistir á escenificación da batalla entre mouros e cristiáns que cada ano se leva a cabo como unha homenaxe á Virxe da Merced. De feito, esa batalla foi instituída como a parte central da romaría en 1840 por parte do misioneiro Manuel Alonso que estivera en perigo de morte en África onde se encomendou á patrona da Saínza, salvándose dunha morte que parecía segura.

Os actos da tradicional romaría comezaban xa o sábado 21 de setembro pola noite co asalto ao castelo de A Saínza por parte dos mouros, que tomaron á fortaleza cun acompañamento de música e fogos artificiais. E xa ao día seguinte pola mañá tiña lugar o ataque por parte das tropas cristiáns para recuperar o control do castelo.
En torno ao mediodía comezaba a procesión e posterior misa campestre e, só unha hora máis tarde, a recreación da batalla entre mouros e cristiáns con vitoira dos segundos que lograban recuperar o estandarte da Virxe da Merced que lles arrebataran.

Os figurantes que participan na batalla son todos da Saínza, o que dá aínda máis valor a esta cita (a festa de mouros e cristiáns máis importante que se celebra no noroeste de España que foi declarada evento de interese turístico galego) que comezaba coas palabras de alento por parte do capitán aos guerreiros musulmáns antes de comezar a loita. Trala batalla, os cristiáns celebraron a vitoria cunha potente descarga de fogos artificiais. Antes de rematar a posta en escena, os cristiáns colleron prisioneiros aos moros, volvendo a colocar o seu estandarte no alto do castelo, mentres o xefe das tropas vencedoras daba as grazas á Virxe por telos guiado en tan valente acto.
Ademais de asistir á escenificación, moita xente segue aproveitando a ocasión para pasar o día, con xantar incluído, na carballeira da Saínza, á sombra de árbores centerarias como a Carballa da Rocha.

Texto: Mónica G. Bellver Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button