En portadaÚltima hora

Loito por un atleta soñador, o valdeorrés Luis Nogueira

Luis Nogueira nun dos mundiais no que competiu como lanzador de xavelina.

 

“Practicar deporte como vida sana é marabilloso, se non houbera estas competicións mundiais seguramente non te motivarías para adestrar”. Dicíao o atleta vilamartinés Luis Nogueira Fernández nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL ao regreso do último mundial no que participou, en setembro de 2018 en Málaga. Sería o broche da súa carreira deportiva.

Para este lanzador de xavelina, cuxo falecemento chora agora o atletismo galego, estas competicións, máis alá da loita polos metais, constituían “unha reunión marabillosa de persoas de todo o mundo, de diferentes idades… O deporte non só é beneficioso para os nenos, para os mozos, senón tamén para a terceira idade e estes campionatos son a proba. É asombroso ver as capacidades dos atletas veteranos”.

Ademais Nogueira consideraba que non tiña rivais, “o rival son eu mesmo”, e que competir supoñía “un poderoso estímulo para practicar exercicio, para emprender a aventura de viaxes… Ter motivos ilusionantes polos que querer vivir. O atleta é un soñador e soña tan completamente que sempre é un xuvenil”, aseguraba.

Era a súa forma de ver e entender un deporte ao que estivo vinculado durante décadas, sendo un habitual das pistas barquenses de Calabagueiros, tanto para adestrar como para botar unha man a atletas de todas as idades e mesmo para fotografar a multitude de competicións que se rexistraban ao cabo do ano en Valdeorras. Sempre afable e cun sorriso imborrable.

Vestíu durante décadas a camiseta do Club Adas do Barco e con ela subíase por vez primeira a un podio mundial en agosto de 2005 no XVI Campionato do mundo de atletismo Masters Stadia en San Sebastián. De feito, non lograba situarse de primeiro ata o terceiro lanzamento e, finalmente, setenciaba a proba coa marca de 61,65 metros. Sería o seu primeiro ouro, nesta ocasión en M45.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Para este atleta natural de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) supuxo unha enorme satisfacción e, sobre todo, “un orgullo darlle este título ao Adas. Neste tempo, outros equipos fixéronme ofertas para fichar por eles, pero eu dixen que non. Tiña claro que quería ser campión do mundo sendo atleta do Adas e iso conseguiuse”, contaba no Periódico O SIL tras colgarse o ouro.

Logo virían outros dous ouros máis e dúas pratas en catro campionatos do mundo, ademais de numerosos títulos nacionais e galegos, xunto con marcas de referencia. A última prata mundial lográbaa cun lanzamento de 54.49 m. en Málaga, unha cita coa completaba a súa admirable traxectoria deportiva.

Foi e seguirá sendo un referente para atletas da súa especialidade e para os deportistas en xeral. Ademais do seu talento e compromiso atlético, estaba a súa gran calidade humana, tanto nas pistas como fóra delas, xa fose como veciño de Valdeorras ou como celador do hospital barquense.  A comarca e o mundo do atletismo choran a súa marcha.

Máis información:
https://osil.info/falece-o-lanzador-de-xavelina-valdeorres-luis-nogueira-varias-veces-campion-do-mundo-master/

Artigos relacionados

Back to top button