CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Lorena Conde e As Irmás Leña mesturan música e poesía no De Perto, no Barco

A performance "Gran Simio con Fouciño" presentábase nos Xardíns da Casa Grande de Viloira na recta final do ciclo

 

Un mes despois de encetarse, a IX edición do ciclo De Perto, no Barco, entra esta semana na recta final, coas tres últimas actuacións. A primeira tiña lugar na tarde deste mércores 14 de xullo coa voz de Lorena Conde acompañada das Irmás Leña, nunha perfomance poética e musical titulada Gran Simio con Fouciño, baseada nun dos seus poemarios Entullo: Lanzados á cegueira / do gran simio con fouciño.

Lorena Conde é dramaturga, directora de teatro, actriz, artista plástica, narradora e poeta, sendo esta última faceta a que presentaba esta tarde nos xardíns de Viloira, nun entretido espectáculo coa música das tamén polifacéticas Irmás Leña que igual tocan, que cantan, que se defenden en coros e danzas. Nesta ocasión, deron vida ao Gran Simio que garda as súas forzas atávicas e observa expectante o devir dos acontecementos ata que chegue o seu momento de poñelas en movemento para actuar sobre o mundo.

 

Lorena Conde durante a actuación no Barco.

 

A seguinte actuación do De Perto será o venres 16 de xullo a cargo do cantautor Miro Casabella, que formou parte do Voces Ceibes e que compartiu escenario cos grandes nomes da chamada canción protesta. E o ciclo pecharase o sábado 17 de xullo, nesta ocasión con teatro, en concreto coa peza “As Fillas Bravas e o Mito de Casandra”, do grupo Chévere.

 

As Irmás Leña.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button