EntrevistasÚltima hora

Lorena Guitián: “Hoxe o rango de idade para adicarse á moda é moito máis amplo”

En menos dun ano esta modelo valdeorresa pasou de traballar nun estudo de arquitectura na Coruña a desfilar en París para firmas como Saint Laurent ou Dior

A modelo internacional Lorena Guitián, natural de Vilamartín de Valdeorras. /Foto: View Management.

 

Nacida na terra por excelencia da lousa galega e do viño godello, Lorena Guitián Gómez (Vilamartín de Valdeorras, 1994), creceu no Barco, vinculada ás pistas de Calabagueiros. A súa complexión fíxoa idónea para o atletismo, competindo durante a súa adolescencia co club ADAS co que chegou a ser subcampioa de España de salto de altura, na categoría cadete. Anos despois, esa mesma complexión de case 1,80 metros de altura e delgadez case extrema, xunto a uns rasgos faciais moi característicos, levaríana a desfilar nas máis prestixiosas pasarelas de moda internacional.

A súa non foi unha vocación temperá, de feito comezou con 25 anos, cando xa non dependía economicamente dos seus pais, pero o seu despegue foi case inmediato e en menos dun ano pasou de traballar nun estudo de arquitectura na Coruña, onde reside boa parte do tempo aínda que tamén vai moito por Valdeorras, a desfilar para as máis prestixiosas firmas de moda internacional.

Foi a finais de 2019 tras presentarse na porta da axencia de modelos View Management en Madrid onde estaba de visita. Algo tivo que os convenceu e agora son os seus representantes. Ensinárona a desfilar e só uns meses despois conquistou a dúas grandes firmas durante a Semana da Moda de París: Yves Saint Laurent e Lacoste. De aí pasou a ser portada da revista SModa, a protagonizar editoriais para Vogue e a desfilar para casas como Valentino ou Hermès ata que chegou ao pazo de Versalles, en París, para presentar a nova colección de Christian Dior, a comezos do mes de marzo.

Máis aló das características físicas, ¿que cualidades se necesitan para ser modelo?

Unha vez contas cos requisitos físicos, o que se necesitan son ganas. Moitos din que só dependes da sorte e, efectivamente, esta xoga un papel fundamental. Pero hai que estar preparada e disposta a aproveitar as oportunidades.

¿En que momento estás da túa carreira como modelo?

Debutei en febreiro de 2020 en París, desfilando para Saint Laurent. Os meus axentes de View Management enviáranme a esta cidade para probar sorte na Fashion Week e, xusto ao regresar, empezou a corentena. Debido a isto, a miña carreira, que aínda está a empezar, viuse totalmente retardada. Así que aínda teño moito camiño por percorrer. Non seguín un plan específico para chegar onde estou. Todos eses temas estratéxicos son cousa das miñas axencias. De min só depende estar en boa forma física e disposta a subirme nun avión no momento máis inesperado.

París, Milán, Nova York… ¿É necesario estar nunha destas cidades para triunfar no mundo da moda?

As semanas da moda máis importantes a nivel mundial son nesas cidades, si. Pero as modelos podemos visitalas unicamente para tales eventos. Non é imprescindible vivir nelas. Cando as axencias do estranxeiro nos conseguen traballos, viaxamos ata alí para facelos. Eu paso a maioría do tempo en Galicia, de circuíto entre O Barco, Veigamuíños, Córgomo e A Coruña. Pero ás veces voume tempadas a cidades máis grandes para aproveitar as oportunidades que alí poden xurdir.

A entrevista completa, no número de abril do Periódico O Sil en papel.

Texto: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button