CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Louband salta das festas ás plataformas dixitais co seu sinxelo ‘O Tren’

O grupo galego de música de rúa vén de lanzar o videoclip deste tema baseado na temática da emigración

 

Louband é un grupo galego de música formado por oito compoñentes que leva dende o ano 2017 movéndose por toda Galicia, O Bierzo e Asturias co seu MEAM (Micro Escenario de Alta Mobilidade). De feito, despois dun Entroido que os levou a lugares como Pontevedra, Ourense, Cabañas Raras, Toral de los Vados ou O Carballiño, está inmerso na preparación da tempada 2022 con citas xa confirmadas para o mes de abril como as feiras do viño de Sober e Quiroga, entre outros. Unha preparación que compaxina co lanzamento en plataformas dixitais do seu sinxelo titulado O Tren.

 

Louband.

 

Trátase dun arranxo propio a cargo de Iñaki L. Campo, un dos membros do grupo, que versiona un mito galego de Andrés do Barro baseado na temática da emigración e o refresca con pinceladas de outro mito, Proud Mary, canción escrita por John Fogerty, grabada por primeira vez por Creedence Clearwater Revival e versionada despois por un sinfín de grandes nomes, algúns da talla de Tina Turner ou o mesmo Elvis Presley.

 

 

O tema está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais. O videoclip, realizado polo galaico-arxentino Nahuel Lioi, é un dos puntos a destacar do traballo. Foi realizado aproveitando os contrastes de luz que se dan ao longo de todo un día (metáfora das longas xornadas que realiza o grupo cando saen levar a súa alegría ás festas) nun lugar con historia, a vella fabrica feculera de Sarria, cedida polo concello da vila. Un videoclip no que o Micro Escenario de Alta Mobilidade co que conta a banda ten os seus momentos desfilando detrás dos músicos, enchendo a enorme feculera de luz, lume e confeti.

A música de O Tren, pola súa banda, foi grabada polo venezolano Jesús Álvarez e José A. Salvador, no estudio de este último, PAN Studio. Un arxentino de sona, Gonzalo Ariel López Brouchoud, técnico de Louband, encargouse da mestura e masterización.

 

Artigos relacionados

Back to top button