EconomíaEconomíaÚltima hora

Lourizán confirma a existencia de clons híbridos de castiñeiro resistentes á avespiña

Achegará estes resultados mediante a publicación dun tríptico divulgativo para que o sector poida dispoñer desta información dun xeito máis detallado
Castiñeiro afectado pola praga da avespiña./ Foto: Carlos G. Hervella.

Durante unha nova solta de Torymus sinensis, desta volta na localidade lucense de Baralla, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciaba este martes 12 de xuño que, a través do Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán, logrouse confirmar, mediante ensaios controlados en laboratorio, que existen clons híbridos de castiñeiro que resisten a praga da avespiña. “A identificación destes híbridos resistentes ou tolerantes é fundamental para a elección dos materiais xenéticos de reprodución en viveiro e tamén é aplicable ás novas plantacións”, tal e como se indica dende a consellería.

No CIF de Lourizán instalouse no ano 2015 un insectario-invernadoiro para poder traballar con pragas e avaliar a tolerancia de distintos materiais. A continuación, fóronse incluíndo materiais xenéticos que foron sometidos a un elevado grao de ataque mediante infestación obrigada. “As avaliacións e análises estatísticos mostran que existen clons híbridos de castiñeiro resistentes ao ataque da avespiña, algúns deles moi empregados no sector e que son tamén ben valorados pola súa resistencia á tinta”, informan dende Medio Rural.

As 24 variedades tradicionais produtoras de castaña avaliadas ata o momento no CIF de Lourizán foron sensibles ao ataque da avespiña do castiñeiro. Sen embargo, algunhas delas mostraron un menor nivel de infestación, e por tanto un maior nivel de tolerancia, como foi o caso de ‘Amarela’ ou ‘Amarelante’, ‘Garrida’, ‘Negral’ e ‘Porteliña’. Debe terse en conta, en todo caso, que estas conclusións deben ser confirmadas no seguinte ano de infestación e contrastados en campo, indica Medio Rural.

En breve,  o Centro de Investigación Forestal de Lourizán achegará estes resultados mediante a publicación dun tríptico divulgativo para que o sector poida dispoñer desta información dun xeito máis detallado. Nel incluíranse ademais datos contrastados de ditas coleccións en campo, principalmente no caso das variedades tradicionais no que se está avaliando o grado de infestación na plantación da colección de variedades localizada en Sergude (Boqueixón).

Este traballo no eido da xenética complementa a loita biolóxica, que se está a realizar nestes días coa solta de Torymus, un insecto depredador natural da avespiña. Nos territorios de Lugo e Ourense é onde máis soltas se levaron a cabo nos dous últimos anos, tendo en conta a importancia que ten o cultivo da castaña en ambos casos.

Artigos relacionados

Back to top button