EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Lucas Mondelo, embaixador honorífico dos viños da D.O. Valdeorras

O seleccionador de baloncesto feminino absoluto, de orixe valdeorresa, visitaba este luns a sede do consello regulador

 

O seleccionador español de baloncesto feminino absoluto, Lucas Mondelo García, visitaba esta mañá a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín, onde mantiña unha xuntanza co seu presidente, José Luis García Pando. Tras a reunión, o presidente do CRDO Valdeorras anunciaba que este técnico de baloncesto, de orixe valdeorresas, será nomeado embaixador honorífico dos viños de Valdeorras.

“Xa hai un ano que estivemos en contacto con Lucas, pero por culpa da pandemia non puidemos facer un acto como nos gustaría. Temos o seu compromiso de que, cando pase todo isto, virá e poderemos facelo. Queremos agradecerlle a súa disposición para promocionar Valdeorras como home importante que é no mundo do baloncesto e estámoslle agradecidos por esa promoción que poida facer dos nosos viños de Valdeorras”, aseguraba Jose Luis García Pando.

 

 

Lucas Mondelo, pola súa banda, aseguraba que “para min é unha honra que me nomeen embaixador de Valdeorras, da terra dos meus pais e de toda a miña familia, onde teño as miñas raíces, e, todo o que sexa, dende a miña humilde aportación, axudar ao coñecemento deste gran viño e desta gran comarca, que ten máis cousas que o viño, fareino”. Ademais agradecía a distinción e que “se teña pensado en min para ela”.

Lucas Mondelo, da familia dos “Careca” do barrio barquense de San Roque, conta cunha envexable traxectoria deportiva tanto como adestrador de equipos, como á fronte da selección española feminina, coa que logrou 3 campionatos de Europa e un bronce europeo, a prata olímpica en Río e unha prata e un bronce en Copas do Mundo.

Un palmarés que podería verse incrementado neste 2021, tendo en conta citas como o Eurobasket deste verán e os Xogos Olímpicos de Toquio.

Artigos relacionados

Back to top button