DeportesÚltima hora

Lucas Mondelo: “Estou moi feliz de poder estar nos meus segundos Xogos Olímpicos”

O equipo español de baloncesto feminino, que dirixe este técnico de orixe valdeorresa, lograba a praza para Tokio no Preolímpico de Belgrado

Lucas Mondelo, no centro e de pé, coa selección española de baloncesto feminino tras clasificarse para Tokio./ Foto: FEB.

 

 

Non o tiñan nada fácil, pero de novo o equipo español de baloncesto feminino absoluto, que dirixe Lucas Mondelo, amosaba o seu extraordinario bo facer e lograba o pase ao Tokio no Preolímpico que se xogaba do 6 ao 9 de febreiro en Belgrado. España vencía no primeiro partido contra Corea (46-83), caía no segundo ante China (62-64, por unha canastra), pero lograba unha nova e definitiva vitoria con Gran Bretaña (79-69) que lle garantía a súa praza nos vindeiros Xogos Olímpicos.

 

Lucas Mondelo, durante o Preolímpico./ Foto cedida.

 

“Pese a todos os problemas que tiñamos, como non poder preparalo, xogadoras tocadas, que están aquí, pero non están na súa mellor versión porque arrastran lesións…, o grupo, o equipo está por riba de todo. E o equipo sacouno dunha maneira bastante brillante tendo en conta todos estes condicionantes”, declaraba Lucas Mondelo tras o último encontro.

Lucas Mondelo con catro das xogadoras da selección./ Foto: FEB.

 

 

Ademais amosaba a súa satisfacción polo feito de poder estar nos que serán os seus segundos Xogos Olímpicos, tras os de Río 2016, nos que España lograba a prata. “Estou moi contento, moi feliz”, resaltaba. No caso da selección española de baloncesto feminino estes serán os quintos xogos, dende 1992.

Nestes encontros, entre o público, novamente, non faltaban familiares valdeorreses de Lucas Mondelo, como é o caso do seu tío Pedro García, que acostuma animalo e seguilo nas diferentes competicións internacionais.

 

O barquense Pedro García, tío de Lucas Mondelo, cunha das xogadoras do Preolímpico en Belgrado./ Foto cedida.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button