BaloncestoDeportesÚltima hora

Lucas Mondelo: “Neste ano tan difícil hai que sacar o día a día e ir sumando”

Este técnico de orixe valdeorresa vén de retomar os adestramentos á fronte da selección absoluta de baloncesto feminino coa mirada posta no Eurobasket e nos xogos olímpicos

O seleccionador de orixe barquense Lucas Mondelo, nun dos momentos da concentración coa selección absoluta de baloncesto feminino./ Foto: AlbertoNevado/FEB @NPhoto.

 

Reencontro de Lucas Mondelo, seleccionador absoluto de baloncesto feminino, co combinado español. Tras nove meses de paréntese, a selección feminina retomaba este pasado luns os seus adestramentos coa mente posta no verán do 2021 que se presenta “ilusionante” e cun dobre obxectivo: o Eurobasket de Valencia e os Xogos Olímpicos de Tokio, que se aprazaban este ano debido á pandemia do Covid.

Así as xogadoras de Mondelo retomaban a súa preparación nas instalacións de L’ Alqueria do Basket en Valencia, coa primeira concentración “a modo burbulla” na historia dunha selección absoluta española de baloncesto. “Neste ano tan difícil que nos ten tocado vivir hai que ir día a día, non se pode facer plans, hai que sacar o día a día, vivir o día a día e ir sumando porque non sabemos o que pode pasar. Así que máis que nunca o carpe diem está presente. Con responsabilidade, pero carpe diem“, dicíalles o técnico de orixe barquense Luca Mondelo ás súas xogadoras.

Esta concentración tamén estaba marcada polas medidas de prevención e seguridade. De feito, todo o persoal someteuse a unha proba PCR para preservar a saúde de todos os seus integrantes. “Nos días previos, todas as xogadoras e demais membro do staff deron negativo nun test de antígenos. Seguindo co protocolo antiCovid-19 da FEB, as xogadoras realizaron un adestramento acorde ás novas circunstancias sen contacto entre elas e dividas en catro grupos distintos para garantir o distanciamento social e co obxectivo de minimizar ao máximo o risco de contaxio da Covid-19”, tal e como informa a Federación Española de Baloncesto.

No marco desta preparación o xoves 12 de novembro as 19 xogadoras convocadas dividiranse en dous equipos (España Vermello e España Blanco) que se enfrontarán nun partido amigable na Fonteta ,que será retransmitido en directo por Teledeporte a partir das 20:20 horas.

Esta concentración constitúe o primeiro chanzo dun verán 2021 “apaixonante no que a Selección Feminina defenderá no Eurobasket 2021 de Valencia o Ouro europeo conquistado en Belgrado en 2019”, adianta a federación. Semanas despois, España afrontará en Tokio os Xogos Olímpicos. Na última edición, en Río, conseguiron unha histórica medalla prata.

Artigos relacionados

Back to top button