DeportesÚltima hora

Lucas Mondelo quédase a un paso da final da Euroliga feminina de básket

Este valdeorrés xogaba co equipo ruso Dynamo de Kursk a Final Four desta competición co Ekaterimburgo, cun resultado de 77 a 84

Desta vez non puido ser. Tras un partido moi igualado e que mantiña a tensión e a emoción ata os últimos minutos o Kursk, equipo ruso que dirixe o valdeorrés Lucas Mondelo, quedábase a sete puntos do seu rival na Final Four da Euroliga de básket feminina, o tamén ruso Ekaterimburgo na tarde do 20 de abril en Sopron (Hungría). Unha derrota que lle impide xogar a cobizada final desta competición europea.

O Kursk mesmo chegaba a poñerse por diante nalgúns momentos do encontro, de feito, remataba o segundo cuarto cun resultado de 43/42. Sen embargo, a partires do terceiro cuarto o Ekaterimburgo comezaba a adiantarse lentamente no marcador ata ir asegurando unha vantaxe cercana aos dez puntos.

Malia que o equipo de Mondelo trataba de reducila, con sorprendentes triples nalgúns momentos, o rival non se rendía e trataba de asegurar a defensa e de afianzar a vantaxe. Nos minutos finais o Kursk chegou a estar a seis puntos da vitoria, pero desta volta non puido ser e o partido remataba cun resultado de 77/84.

Entre os asistentes ao partido había algún familiar valdeorrés de Lucas Mondelo, que se desprazaba para apoiar ao técnico e animar ao seu equipo neste importante encontro.

As tres primeiras fotos desta galería foron cedidas por Pedro García.

 

Artigos relacionados

Back to top button