CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo desvelan os vínculos poéticos entre Lorca e Rosalía no espectáculo “Cantares para piano y voz emocionada”

Este novo proxecto conxunto, que pretenden traer a Galicia despois do verán, estrearase o vindeiro 24 de xuño ás 19h. no Instituto Cervantes en Madrid
A pianista Rosa Torres-Pardo e a actriz Lucía Álvarez./ Foto: Eva Díaz Iglesias.

Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Poetas e músicos de dúas terras diferentes e afastadas, Galicia e Andalucía, e cuxos versos, sen embargo, conflúen. Nese vínculo tan estreito, e en moitos casos descoñecido, entre ambos autores afonda o noso proxecto escénico da actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), e da pianista Rosa Torres-Pardo, Premio Nacional de Música.

A obra poética do granadino era xa a razón de ser de “Lorquiana. Teoría y juego del duende”, que ambas estreaban hai uns meses xunto a María Toledo (cante), no marco do centenario da chegada a Madrid de Lorca. Agora, Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo dan un paso máis e pescudan na gran influencia e pegada da autora de “Cantares Gallegos” no creador andaluz en “Cantares para piano y voz emocionada”, un espectáculo nada convencional que conxuga poesía, música e voz e que se estreará o vindeiro 24 de xuño ás 19h. no Instituto Cervantes de Madrid.

“Lorca foi a Galicia e atopouse de cheo co mundo de Rosalía de Castro. Nunha das súas viaxes escribiu Seis poemas galegos, que hoxe seguen sendo dos menos coñecidos da súa obra. E aí supimos do importante vínculo entre ambos poetas”, contan Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez, que fixo a escolma principal dos versos de Rosalía e de Lorca, que no caso dos escritos en galego conservan a súa lingua orixinal no espectáculo.

“Estiven lendo varios meses e fixen unha primeira e enorme selección, despois, con Rosa realizamos unha segunda criba e, pouco a pouco, fumos escollendo poemas coa idea de que isto tivera un sentido e non decaese o conxunto escollido, xa que hai partes moi sombreadas. Tratamos de que se conte, dalgunha maneira, a historia do país nese momento e a emigración a través do que pode ser a vida dunha persoa, dende o amor e o desamor, as perdas, a vellez… os diferentes estadíos polos que pasamos sentimentalmente”, explica Álvarez.

O seu completo programa está estruturado en seis partes: “Introito”, “Mal de Amor”, “Luces y Sombras”, “De Sur a Norte”, “Allende los Mares” e “El Adiós”. En cada unha delas engárzanse poesía e música, versos de Rosalía e Lorca cunha serie de pezas de diferentes compositores elexidas con sumo coidado. “Tiñamos unha serie de partituras asociadas e iamos probando, e do que pensabamos inicialmente ao que acabamos facendo, cambiou moito a cousa”, recoñece Torres-Pardo. “É que, ao final, as propias partituras e versos escolleron tamén o seu lugar, fóronse buscando e empastando. Nalgúns caso mesmo parece que se fixeran xuntos, por exemplo, eu creo que Lorca cando escribía Lluvia estaba tocando Debussy, porque el tocaba o piano”, prosegue Lucía Álvarez.

 

Imaxe promocional deste espectáculo./ Foto: Eva Díaz Iglesias.

 

“Hai unha parte que é preciosa”, continúa a pianista, “que é a da “Danza Gallega” de Enrique Granados (en “De Sur a Norte”) na que facemos a estrea para piano e aí entran tres dos poemas galegos de Lorca (Cantiga do neno da tenda, Romaxe da nosa señora da barca e Danza da lúa en Santiago) e iso resulta moi bonito, irradia luz e optimismo, pese a que tamén hai momentos escuros… Contrasta moito, por exemplo, coa parte de “Luces y Sombras”, que é terrible xa que se refire á perda dun fillo, sen embargo, a música, de repente, dache luz, ilumina todo”. E é que, “a través da música, Rosa o que conseguiu é que se pase polo dó dese fillo ata chegar a un estado de ánimo diferente co Cantar, cantar, cantei e co Rondó de Mozart”, matiza Lucía Álvarez.

Ambas destacan que “Cantares para piano y voz emocionada” non é un recital ao uso. “Non se trata dunha música e dun poema, senón de contar unha historia, que iso non acostuma facerse, é ter un fío transmisor, algo que contar común e iso vén a través do piano de Rosa e da miña voz, vén por Rosalía e vén por Lorca e, ademais nacido xunto e dunha maneira moi natural. E no espectáculo hai tamén algo de infancia, unhas músicas, unhas palabras, unhas emocións que todos recoñecemos como de sempre, co cal é un lugar común”, resalta a actriz de Mouruás.

A súa intención é mover este proxecto polos diferentes centros do Instituto Cervantes e tamén traelo a Galicia, xa despois do verán. Pero o seu primeiro contacto co público terá lugar o xa mencionado luns 24 de xuño en Madrid. Alí os espectadores poderán gozar dunha intensa viaxe a través da música e da palabra para descubrir os fortes vencellos entre Rosalía e Lorca.

Artigos relacionados

Back to top button