CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo levan os versos de Rosalía e os poemas galegos de Lorca a terras polacas

Presentaban o seu espectáculo "A Rosalía. Concerto para piano e voz emocionada" en Cracovia e en Varsovia

Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo cun exemplar da publicación en polaco dos poemas de Rosalía de Castro que forman parte do seu espectáculo en Cracovia (Polonia)./ Foto cedida.

 

Na voz da actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), soaban por vez primeira en Polonia os versos de Rosalía de Castro e os poemas galegos de Federico García Lorca con Rosa Torres-Pardo ao piano. Ambas presentaban o 30 de outubro en Cracovia e, ao día seguinte en Varsovia, “A Rosalía. Concerto para piano e voz emocionada”, un espectáculo nada convencional que conxuga poesía, música e voz e que se estreaba no pasado xuño no Instituto Cervantes de Madrid.

“A través do Instituto Cervantes en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística fixemos estes dous concertos para levar o idioma e a figura de Rosalía polo mundo. En Polonia si se coñece e teñen antoloxías da obra de Federico García Lorca, pero descoñecíase totalmente a lingua e a poética de Rosalía. E, ademais das actuacións, quixeron editar unha tradución ao polaco, por vez primeira, da poesía de Rosalía de Castro coa nosa selección de poemas, que lles gustou moito. E isto ía tamén incluído nunhas xornadas para explicar a figura desta poetisa”, comenta Lucía Álvarez.

 

Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), nunha das actuacións en Polonia./ Foto cedida.

 

O programa do concerto estaba estruturado en seis partes: “Introito”, “Mal de Amor”, “Luces y Sombras”, “De Sur a Norte”, “Allende los Mares” e “El Adiós”. En cada unha delas engárzanse versos de Rosalía e Lorca cunha serie de pezas musicais de diferentes compositores elixidas con sumo coidado, entre eles o polaco Chopin. “Había unha conexión coa música polaca xa que este autor está no repertorio, e, nese senso, eu sentía unha gran responsabilidade. Pero gustou moito”, comenta a pianista Rosa Torres-Pardo, que xa tiña a experiencia de ter actuado anteriormente en Varsovia coa súa orquestra filarmónica.

Este espectáculo desenvolvíase en galego e castelán, respectando á lingua dos versos, pero o público dispoñía dunha edición trilingüe (galego, castelán, polaco) do programa que lles permitía seguir a actuación e “resultou moi bonito porque entendeu e emocionouse moito. E mesmo houbo algún espectador, un profesor, que se levou varios programas para ensinar a Rosalía de Castro no seu colexio”, destaca a actriz de Mouruás.

 

Rosa Torres-Pardo, escoitando a Lucía Álvarez, noutro momento da actuación./ Foto cedida.

 

“Resultou unha experiencia preciosa para nós porque a xente veu ao concerto co traballo feito, é dicir, sabían ao que viñan. E iso foi grazas á Xunta e ao Instituto Cervantes que fixeron esta edición dos poemas de Rosalía, foi unha satisfacción moi grande. Gustounos tamén moito o achegamento da xente, que tiña moito interese”, resalta Rosa Torres-Pardo. E mesmo encontraban a unha muller polaca que falaba perfectamente o galego, “e iso impresiona”, engade Lucía Álvarez.

Aínda que, polo de agora, non adiantan datas nin lugares, comentan que este espectáculo levará, de seguro, a voz poética de Rosalía de Castro e de Lorca a outros países moi pronto.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button