CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo presentan en Ourense “A Rosalía. Concerto para piano e voz emocionada”

Este espectáculo poderá verse o vindeiro sábado 21 de novembro ás 20h. no Salón Nobre do Liceo

 

É un espectáculo nada convencional que xungue poesía, música e voz para homenaxear a unha poeta galega universal. “A Rosalía. Concerto para piano e voz emocionada” é unha proposta da actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), e da pianista Rosa Torres-Pardo que poderá verse o vindeiro sábado 21 de novembro ás 20h. no Salón Nobre do Liceo de Ourense.

“O piano comeza a recitar onde a poesía se fai música, dando lugar a este orixinal concerto nun monólogo a dous”, din as súas intérpretes. O espectáculo engarza os versos de Rosalía de Castro e os dos poemas galegos de Federico García Lorca cunha escolma de composicións musicais de autores como Granados, Antonio Soler, Schubert ou Chopin, entre outros.

“A pesar de ser unha das poetas máis recoñecidas, a obra de Rosalía de Castro é inabarcable e queda moito por afondar. A súa faceta musical é moi descoñecida. Tocaba varios instrumentos. Sen ninguna dubida esto influiú na súa poesía. O gran abano de rexistros que hai na súa obra fainos tomar conciencia do adiantada que foi para o seu tempo no sentido máis amplo da expresión”, indican Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo, que ademais inciden na influencia que a poetisa tivo na obra de Federcio García Lorca.

Para asistir a esta actuación é preciso inscribirse na Secretaría do Liceo, por mor dos aforos derivados do Covid-19. Pode obterse máis información chamando ao telefono 988 22 06 50.

Este evento forma parte do Ciclo cultural “As Nosas Letras na Música & A Música nas Nosas Letras” no marco do “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da COVID-19″, da Consellería de Cultura e Turismo, Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Xunta de Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close