CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Lucía Álvarez, narradora de “Giselle” no filme “Hasta el Alba”

Este documental, dirixido por Horacio Alcalá e producido por Silvia Martínez, mergúllase nos procesos creativos da Compañía Nacional de Danza

Lucía Álvarez, na Biblioteca Nacional durante a rodaxe de “Hasta el Alba”./ Foto: Albiru Muriel Photography para o CND.

 

Conta unha antiga lenda xermánica que as mozas bailarinas que, comprometidas, morren antes da súa voda, serán condenadas a bailar toda a eternidade convertidas en pantasmas ou Wilis, que matan a aqueles homes que se adentran nos bosques despois da medianoite. Dela nace a historia de Giselle, un ballet en dous actos considerado unha obra mestra da danza do Romanticismo.

Arredor deste ballet xira o documental Hasta el Alba, que vén de dirixir Horacio Alcalá e que se mergulla nos procesos creativos da Compañía Nacional de Danza (CND) e na Giselle de Joaquín De Luz, contando coa actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), como narradora dun relato que comeza collendo un libro dun estante. Un libro que conta a historia dunha moza, namorada e traizoada polo seu amado, que “ve roto o seu interior caendo nun baile solitario e eterno que a leva á tolemia e a morte”. Entón, descende ao inframundo quedando a súa alma para sempre escura na noite eterna. Arrepentido, o amado de Giselle entra unha noite no bosque na súa procura. “As fillas da escuridade, as wilis, volven ao seu lugar, pero Giselle sabe que aínda desde a sombra o seu lazo de amor con Albrecht manterase unido. E así se conta e vólvese a este valse de nunca acabar”, tal e como se recolle no documental, cuxo teaser se vén de publicar nas redes sociais e que pronto comezará a moverse por festivais.

Este é o segundo proxecto vinculado coa danza no que participaba Lucía Álvarez neste verán, xunto coa rodaxe de Amores Brujos, primeira longametraxe promovida por esta actriz xunto a pianista Rosa Torres-Pardo. “É moi especial facer este documental coa Compañía Nacional de Danza porque supón un luxo velos en directo e telos a un palmo”, explica a actriz, “Hasta el alba é unha produción de Silvia Martínez que dirixe Horacio Alcalá en colaboración coa CND. Rematamos a súa rodaxe a comezos do verán”.

 

Unha das escenas do filme.

 

A actriz intervén a modo de narradora. “Eu descubro o libro, ábroo e empezo a lelo, e iso vaise tornando en imaxes e danza. Era moi impactante porque lías unha frase, imaxinábala, pero é que, de súpeto, iso facíase realidade ao meu carón. Resultou fermosísimo e en vivo, a verdade é que foi moi espectacular de facer, era como soñar esperta, as imaxes son beleza pura. Ademais a miña parte rodouse case por completo na Biblioteca Nacional”.

Considera que este traballo permitirá achegar un clásico como é Giselle ao público. “Se ti non coñeces nada da historia e vas ver o ballet, pois verás moitos símbolos cuxo significado non comprendes: por que colocan as mans dunha determinada maneira ou por que fan un xesto… Os movementos posúen un significado, axudan a contar a historia, e se non o coñeces non podes entender todos os matices do que sucede. Pero, ao haber unha persoa que vai contando a historia, esta cobra outra forma e permíteche entrar meterte moito máis fondo nesa historia”.

 

Lucía Álvarez, noutra imaxe de “Hasta el Alba”./ Foto: Albiru Muriel Photography para a CND.

 

Ademais, Lucía Álvarez amósase encantada deste proxecto, destaca a súa produción e tamén o “gran decubrimento” que supuxo o director, Horacio Alcalá, “é moi fácil traballar con el, escoita moito o que queres, faino todo moi doado, e os resultados ademais son boísimos, ten un ollo privilexiado”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button