DeportesKárateÚltima hora

Lucía Herrero (KC River Stone do Barco) estrearase na categoría sénior na Liga Nacional de Karate

A primeira fase da competición celebrarase os días 3 e 4 de outubro en Valdepeñas (Ciudad Real)

Lucía Herrero na final da 1ª fase da liga a pasada tempada, na categoría sub 21. /Foto: RFEK.

 

O 3 e 4 de outubro, unha semana despois de rematar a concentración coa Selección Nacional nos Tilos (Teo), a karateka barquense Lucía Herrero Valcarce participará na primeira fase da Liga Nacional de Karate 2020, que se celebrará na Cidade deportiva “Virxe da Cabeza” en Valdepeñas (Ciudad Real), nunha categoría superior á súa.

Aínda ten 17 anos pero esta deportista, membro do KC River Stone do Barco e parte da elite galega que adestra no Centro de Tecnificación de Pontevedra (este ano como externa), competirá na categoría sénior para a que está preparada. “A técnica máis ou menos xa a teño así que durante a corentena nos adestramentos centreime en mellorar o físico, así que nese senso veume ben”, asegura, disposta a dalo todo e aprender da súa primeira experiencia nesta categoría.

Da mesma opinión é o responsable do seu club, Nicolás Rodríguez, quen asegura que o nivel nacional en sénior é moi alto e non é doado facer podio porque hai xente consumada nos postos, pero con Lucía “calquera cousa é posible porque é persistente, perseverante, pelexa con uñas e dentes… É unha rapaza que dá todo o que ten así que non se lle pode pedir máis. Tratándose dela pode pasar calquera cousa”, asegura convencido.

E iso que é escéptico coa competición en xeral, debido ao Covid. ” Non sei se moita xente se animará a competir, ademais non haberá público nin nada e será complicado incluso para manter as distancias nos pasillos. Non teño claro como vai funcionar. Teñen os protocolos pero é a teoría, agora pasarán á práctica a ver como vai. Teño as miñas dúbidas pero está claro que hai que dar pasos porque, sobre todo a nivel nacional, non se pode parar”, conclúe Nicolás, asegurando que máis alá dos resultados, a competición servirá a Lucía como formación e experiencia.

 

Artigos relacionados

Back to top button