CulturaCulturaÚltima hora

“Lugares únicos, heroínas e anfitrións” do Camiño de Inverno, nunha exposición en Lugo

Integrada por medio cento de imaxes desta ruta xacobea que entra en Galicia por Valdeorras, poderá verse ao longo de setembro no Pazo de San Marcos

 

Vén de inaugurarse a exposición “Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela”, promovida pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC). O Pazo de San Marcos acolleu esta mostra co lema “lugares únicos, heroínas e anfitrións”, que se poderá visitar ao longo do mes de setembro, integrada por medio cento de imaxes da ruta xacobea que entra en Galicia por Valdeorras descorre pola Ribeira Sacra lucense, ademais de paisaxes e monumentos. A mostra conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística.

Asistiron ao acto de inauguración a vicepresidenta da Deputación provincial, Maite Ferreiro, a xerente da Rede Museística dependente da área de Cultura, Encarna Lago, o vicepresidente de Alumni USC, Carlos Herrero, e o comisario-autor da exposición, José Manuel Ortigueira.

Ferreiro destacou “este tipo de iniciativas que parten da universidade ao redor do Camiño, dando pulo á reactivación da economía rural e sostible e visibilizando a todos os axentes que interveñen no desenvolvemento e potenciación do camiño”. Así mesmo, “achegamos con esta mostra fotográfica a realidade dun itinerario que alberga un patrimonio e un medio natural envexables na provincia”, aseverou. A vicepresidenta agradeceu o gran labor de Alumni USC e a colaboración “sempre indispensable” da Rede Museística da Deputación de Lugo.

 

 

Ortigueira salientou o grande traballo de investigación “que retrata ás persoas que contribúen a manter e potenciar este camiño realizando os seus oficios ou con outras persoas coas que establecen vínculos especiais”. Entre outros, aparecen os retratos de amigos do Camiño de Inverno, pousadeiras e guías, empresarios e traballadores, ou un párroco e un sancristán, entre outros.

As imaxes preséntanse en formatos aproximados de 70×100 cm, incluíndo catro grandes paneis explicativos da ruta e recursos diversos, así como un mural con fotos feitas polos propios camiñantes desta entidade universitaria.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button