Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

Luis F. Gudiña encabeza a lista do PsdeG da Rúa

O candidato socialista á alcaldía ruesa aposta por “un Concello participativo, aberto á cidadanía”
Os membros da lista do PsdeG da Rúa que concorrerá ás eleccións de maio.
Os membros da lista do PsdeG da Rúa que concorrerá ás eleccións de maio.

Unha lista formada por “homes e mulleres do concello con moitas ganas de traballar e facer cousas polo pobo na que a paridade é a norma xenérica”. Así define o candidato socialista ao Concello da Rúa, Luis Fernández Gudiña, o equipo co que o PsdeG-PSOE concorrerá ás eleccións municipais do 24 de maio.

A lista formada por 14 membros (8 homes e 6 mulleres) era presentada na tarde do 9 de abril, no autobus co que o partido socialista está percorrendo os diferentes municipios de toda España.

Con Luis Fernández á cabeza, a candidatura dos socialistas presenta un 30% de renovación. “Algúns xa tivemos a responsabilidade de gobernar, o que aporta un grao de experiencia e ademais a incorporación de xente nova danos a vitalidade que nos fai falta para emprender con garantías e esperemos que con éxito, as eleccións” explica o número 1. No número 2 repite Ana Fernández Vizcaya e no 3, Carlos Aristegui Diéguez; Verónica sube un posto e vai de número 4, mentres que Francisco García Álvarez irá de 5; Rita Lorenzo Barrio e José Rodríguez Gómez, dúas novas incorporacións ocupan os postos 6 e 7 respectivamente; completando a lista Cristina Fernández Santás, Clemente Macías Fernández, Adelaida Álvarez Díaz e Elio Rodríguez Taín (nova incorporación). Como suplentes están Juan Crespo Pérez, Luisa López Fernández e José Manuel Cebeu Rodríguez (novo).

O candidato socialista á alcaldía da Rúa, Luis Fernández Gudiña, na presentación da lista.
O candidato socialista á alcaldía da Rúa, Luis Fernández Gudiña, na presentación da lista.

Na presentación da lista, Fernández Gudiña tamén avanzou as liñas que seguirá o seu programa electoral que apostará “por un Concello participativo, aberto á cidadanía. Tamén queremos que sexa un Concello transparente que esté rexido por tres principios que consideramos básicos: o de igualdade de oportunidades, capacidade e de mérito”.

Con respecto ás actuacións, o candidato o partido socialista aposta pola “humanización dos espazos de convivencia de tódolos veciños, por exemplo o acondicinamento das rúas Progreso e Campogrande, entre outras e actuacións nos núcleos cercanos como o acceso a Roblido, Somoza e Fontei” dixo, adiantando outros proxectos que levarán a cabo de acceder á alcaldía como retomar a rehabilitación de vivendas; políticas sociais; potenciación da cultura e o deporte; así como prestar especial atención á mocidade; sen esquecer outros asuntos de interese como o Centro de Saúde ou o enlace da N-120.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button