CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Luis Fernández, director durante 11 anos do IES Carlos Casares de Viana, recibe a Medalla ao Mérito Civil

A Cruz foille imposta no instituto vianés polo rector do CCEE Reyes Católicos da Embaixada de España en Colombia

Natural de Ribas de Sil e residente en Quiroga, Luis Fernández López é Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, traballando como docente en Salas de los Infantes (Burgos), en Lalín (Pontevedra), en Viana do Bolo durante once anos onde exerceu o cargo de director do IES Carlos Casares e de concelleiro, en Bogotá durante seis anos onde dirixiu o único centro educativo de España en América e actualmente é profesor no CPI Cova Terreña de Baiona (Pontevedra).

Vinte anos de traballo como docente que o fixeron merecedor da Cruz de Oficial do Mérito Civil concedida polo Rei Felipe VI. O Estado recoñece así a traxectoria deste profesor galego (que tamén desenvolveu o seu labor profesional en México, Brasil como microbiólogo e cooperante voluntario en Bolivia), e moi especialmente “o seu traballo como director do Centro Cultural e Educativo Español Reyes Católicos en Colombia e do IES Carlos Casares en Viana do Bolo”.

 

Luis Fernández coa Medalla.

 

E precisamente nese instituto ourensán onde pasou boa parte da súa vida laboral, tiña lugar a imposición, na mañá do 26 de decembro, da man de Julio Manuel Pérez Fraile, rector do CCEE Reyes Católicos da Embaixada de España en Colombia, acompañado polo actual director do IES Carlos Casares, Carlos Ferreiro González. No acto tamén estiveron presentes membros da dirección do instituto, compañeiros do CCEE, familiares e amigos do docente lucense.

A Orde do Mérito civil é un recoñecemento do Estado instaurando polo Rei Alfonso XIII para recoñecer méritos civís extraordinarios a España. Concédea o “Gran Maestre da Orde, a Súa Maxestade o Rei Felipe VI, coa proposta do Gran Canciller da Orde, o Ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación”, explican dende o CCEE. Neste caso a condecoración foi solicitada polo Embaixador de España en Colombia, Pablo Gómez de Olea Bustinza.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button