Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Luis Fernández: “Potenciaremos as políticas sociais e de emprego na Rúa”

O cabeza de lista rues do PSdeG-PSOE daba a coñecer as bases dos seu programa nun acto no que estaba acompañado polo eurodeputado Pepe Blanco, pola deputada galega Noela Blanco e por membros da súa candidatura

Cun minuto de silencio en memoria de José Couso, unha persoa moi coñecida na Rúa pola súa vinculación ao fútbol e tamén como antigo traballador do Concello, comezaba o mitin que celebraba na tarde do 18 de maio nesta localidade o partido socialista, cuxa candidatura lidera o actual alcalde, Luis Fernández Gudiña.

Este acto, que se desenvolvía no Centro Cultural Avenida, iniciábase coa intervención da número 3 de lista do PSdeG-PSOE neste municipio, Ana Fernández Vizcaya, quen resaltaba a importancia das eleccións locais do vindeiro 26 de maio “nas que nos xogamos a consolidación dun modelo de goberno progresista para o noso concello que leva loitado pola sanidade e pola educación públicas, pola mellora dos servizos públicos, pola igualdade… Temos que consolidar e afianzar ese proxecto e seguir avanzando e transformando A Rúa”, dicía.

Despois interviña a deputada socialista galega Noela Blanco, que principiaba amosando a súa solidariedade cos traballadores de Iberdrola “que poden perder os seus postos de traballo na Rúa. Ademais das palabras tamén expreso o meu compromiso de defender os seus empregos no Parlamento galego”, aseguraba. Blanco tamén incidía en que para o partido socialista “Valdeorras existe os 365 días do ano, mentres que outros parece que acaban de lembrar que aquí hai unha comarca que ten moitos recursos pero que necesita apoio institucional”.

A deputada referíase tamén á candidatura socialista da Rúa, destacando que “estes compañeiros teñen ilusión, forza e levan traballando moito, pero necesitan o apoio de todos vos, esta é a única opción que vai facer viable que se poñan as persoas no centro da acción municipal”.

Noela Blanco daba paso ao eurodeputado Pepe Blanco, quen resaltaba o valor destas eleccións europeas, “que son tan importantes como as municipais, xa que o próximo ano vanse a discutir os fondos europeos da PAC para os vindeiros 7 anos, polo tanto xogámonos boa parte do noso benestar, do noso progreso social”. E xa no marco dos comicios na Rúa, o europarlamentario dicía que “elixir a Luis Fernández como alcalde contribúe ademais a que Baltar deixe de ser presidente da Deputación e está a punto de lograrse iso, falta moi pouco e é necesario”.

 

Luis Fernández Gudiña, na súa intervención.

Finalmente, interviña o candidato socialista á alcaldía ruesa, Luis Fernández Gudiña, quen agradecía aos asistentes a súa presenza neste acto “que é moi importante para nós porque nos dá esa forza e ese ánimo necesario para seguir adiante”. Na súa intervención, Fernández Gudiña rendía contas da xestión realizada nos dous últimos anos no goberno municipal, “na que sempre nos preocupamos pola xente, desenvolvendo políticas que trataran de mellorar a situación dos nosos veciños e vemos que iso está dando resultados”.

Entre os proxectos realizados, o cabeza de lista do PSdeG-PSOE citaba, entre outros, a aprobación do plan xeral, a mellora do abastecemento, a cuberta do polideportivo, a mellora da rúa principal da localidade ou o impulso ao Centro Cultural Avenida coa adquisición dun proxecto dixital “para ter unha programación de cine estable”.

Ademais adiantaba os eixos principais do programa co que os socialistas se presentan as eleccións municipais na Rúa, que está estruturado en seis bloques. No primeiro deles amosaba o seu compromiso pola “posta en valor dun concello participativo, aberto á cidadanía, dinámico e transparente, no que rixan os principios de igualdade, capacidade e mérito”.

 

 

Fernández Gudiña comprometíase ademais na mellora dos espazos de convivencia (a construción dun novo enlace da N-120, actuacións de mellora en diversas rúas, mellora significativa do abastecemento e tamén dos parques infantís), na defensa do patrimonio medioambiental e etnográfico coa posta en valor do entorno do Aguillón “cun novo paseo, unha aula da natureza e a reforestación da zona”, a recuperación das marxes do Sil, a loita contra a Vespa velutina e a mellora do aforro enerxético.

Os socialistas, aseguraba o candidato, apostarán pola potenciación das políticas sociais e de emprego coa mellora “da atención sanitaria do noso concello cun novo Centro de Saúde”, coa “recuperación de vivendas en desuso para ofertalas como vivendas sociais a persoas que o precisen” ou co desenvolvemento do polígono industrial e co apoio ao comercio local.

Tamén se comprometía coa cultura e o deporte, apostando polo Camiño de Inverno, en concreto impulsando “a mellora do espazo entre o límite con Vilamartín e a entrada ao noso Concello”, así como coa xuventude con medidas como “a creación e impulso do Concello Local da Mocidade” ou un centro de información xuvenil, entre outras. Fernández Gudiña finalizaba a súa intervención mencionando aos membros da súa lista. “Temos ideas, proxectos e temos xente capaz de levalos a cabo, estamos nunhas condicóns óptimas para poder seguir traballando en resolver estes e outros compromisos”.

Artigos relacionados

Back to top button