En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Luis Menor destaca a ilusión e o traballo de Protección Civil de Manzaneda

O director xeral de Emerxencias e Interior asistía á inauguración do local social desta agrupación

O importante labor do voluntariado, e máis en concreto o desenvolvido dende a Agrupación de Protección Civil de Manzaneda, resaltábao o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez, no acto inaugural do local social desta entidade na tarde do 19 de febreiro. “Tendes unha singularidade propia, que é a Estación de Montaña, e unhas características que vos fan diferentes en Galicia”, aseguraba, dirixíndose ao medio cento de persoas que conforman esta agrupación, creada en febreiro de 2013. Asemade agradecía a invitación a este acto e animábaos a continuar na mesma liña e coa mesma ilusión.

Tamén interviña na inauguración o alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, quen facía un percorrido pola traxectoria desta xove agrupación, “que ten unha esencia social e comunitaria primordial, polo esforzo e altruísmo que representa”. Recordaba que neste tempo ten realizado máis de 300 operativos de emerxencia e seis cursos de formación no municipio. “Congratúlame enormemente formar parte deste proceso dende a suá xestación e quero facer especial fincapé na felicitación á agrupación polo traballo que levan realizado nestes anos”. Tamén agradecía ao director xeral de Emerxencias a sensibilidade “coa que ten tratado a esta agrupación, que se viu recentemente reflexada na entrega dun vehículo pick up todoterreo e dun esparexedor de sal para poder afrontar as emerxencias que no concello de Manzaneda se nos presenten”, aseguraba.

No decurso da inauguración tamén se proxectaban imaxes e un video que recolían algunhas das actuacións desenvolvidas pola Agrupación de Protección Civil de Manzaneda. De seguido, os voluntarios de Protección Civil, os veciños e as autoridades asistentes, entre elas tamén o xefe territorial de Emerxencias, compartían unha pinchada no mesmo local, situado nas proximidades do Concello de Manzaneda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button