EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Luis Paadín, recoñecido como “Persoeiro de Honra” nos Premios D.O. Ribeiro 2020

A novena edición destes galardóns, que "serán o mellor aperitivo antes do Nadal", celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago, o venres 18 de decembro

Luis Paadín, galardoado co Premio “Persoeiro de Honra” da D.O. Ribeiro./ Cedida.

 

Conta atrás para a entrega dos Premios 2020 da Denominación de Orixe Ribeiro. O seu consello regulador ultima os detalles da novena edición destes galardóns, que por vez primeira, se entregarán en decembro, concretamente o venres 18, ás 10:30 horas e no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.

“Será unha gala distinta, propia dun momento de reinvención, collendo o bo do pasado, amosando o presente da denominación e encarando con optimismo o futuro. Un evento híbrido e máis galego que nunca, no que participarán en directo un reducido número de persoas, e no que todos os amigos da D.O. Ribeiro poderán asistir de xeito virtual a través das súas canles de difusión”, tal e como se adianta dende o CRDO Ribeiro.

Ademais o organismo comeza a facer público o nome dos galardoados. É o caso de Luis Paadín, que será recoñecido co Premio ‘Persoeiro de Honra’. “Paadín é unha figura fundamental para o desenvolvemento, mellora e recoñecemento dos viños galegos de calidade”, en palabras de Juan Manual Casares, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro.

Luís L. Paadín é catador, profesor de Análise Sensorial e Servizo así como Técnico de Viticultura e Enoloxía (Universidade de Vigo). No seu labor como escritor, é autor e coeditor da “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia”, coautor e coeditor de “As pedras que facían Viño”, viaxe polos Lagares Rupestres de Galicia, así como articulista en varios medios impresos e dixitais.

Membro de diversas asociacións entre as que destaca por ser socio fundador e presidente durante catro anos da Asociación de Catadores de Galicia “Gallaecia”, membro da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño e Espirituosos (FIJEV), da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores de Turismo (FIJET), é director dos eventos “Galician Wines”, director durante 10 anos do Salón dos Viños e Augardentes de Galicia, director do III Concurso Internacional de viños do Noroeste, entre outros.

Tamén destaca por ser catador de numerosos concursos internacionais como Terravino Israel, MinhoWineTasting, Les Citadelles du Vin, Mundial de Bruxelas, Concours deas Ligersdu Val de Loire, Concours Mondial de Bruxelles Chile, Tastevinage de Printemps Bourgogne, Premios Mezquita, CINVE, etc.

Sucederá deste xeito aos anteriores homenaxeados nesta categoría dende o ano 2012: José Luis Hernáez Mañas, Paco Rego, Josep Roca, os restaurantes galegos con Estrella Michelin, Cristino Álvarez, Sarah Jane Evans, César Lumbreras e Paradores.

O día 17 de decembro recoñecerase tamén aos mellores viños brancos e tintos na cata oficial, de adega e de colleiteiro, da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Ademais entregaranse os premios “Muller e viño”, “Mellor labor de comunicación”, “Vida entre Vides”, “Mellor servizo de viño en restaurante”, “Tenda especializada – viñoteca” e “Taberna – bar de viños”.

Artigos relacionados

Back to top button