Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Luís Villares e Davide Rodríguez (En Marea) reúnense cos candidatos de Trives e Manzaneda

As mareas reivindican plans municipais que suplan as carencias do rural en materia de transporte, garderías e Internet

Impulsar plans municipais que suplan as carencias e a “inactividade da Xunta en determinadas materias que son necesarias para a calidade de vida nas vilas” é a aposta das mareas do espazo rural que se presentans ás eleccións municipais do 26 de maio. Así o afirmaba o voceiro de En Marea, Luís Villares, na súa visita aos concellos da Pobra de Trives e Manzaneda para conversar co candidato de Son de Trives-En Marea, Jorge Vázquez, e co alcalde e candidato á reelección de Son de Manzaneda-En Marea, Félix Domínguez.

Acompañado polo candidato de En Marea-Compromiso por Europa, Davide Rodríguez, Luís Villares deixou nas Terras de Trives o compromiso da formación de “traballar para mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural”, denunciando os problemas que a poboación de numerosas vilas e lugares padece cada día para poder desprazarse, traballar ou conciliar obrigas laborais e familia.

 

O candidato de En Marea no Concello de Trives, Jorge Vázquez, durante a visita.

 

En Trives, Villares denunciou o “fracasado Plan de transporte da Xunta”, asegurando que En Marea aposta por “impulsar plans de carácter municipal e comarcal que posibiliten unha mobilidade cómoda e áxil, comunicando as vilas coa cabeceira de comarca e os distintos lugares coa capital do Concello”.

Outro dos puntos nos que se centrará a formación é Internet. “Non é aceptable reivindicar o futuro do rural cando non existe banda ancha”, critica o voceiro de En Marea. “A falta de internet dificulta a apertura de negocios e a posibilidade dun futuro viable para as empresas nas vilas medias”, dixo, comprometéndose a “presionar para que Internet chegue a todos os puntos do país”, así como a “suplir a falta de prazas de garderías impulsando un servizo municipal para cativos de 0 a 3 anos”.

 

O voceiro de En Marea Luis Villares e o deputado Davide Rodríguez co alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez.

“Pensamos que é un compromiso indispensable para que o rural teña futuro e dende as mareas estamos dispostas a suplir a inacción da Xunta de Galicia para que isto sexa unha realidade”. Un modelo que segundo o candidato á alcaldía de Son de Trives-En Marea, dista moito do que Trives ten na actualidade, cunha “situación económica crítica, cunha débeda que case está ao mesmo nivel que o orzamento anual”. Jorge Vázquez reivindica a necesidade dun cambio a nivel municipal “que consiga que Trives volva ser o centro de comarca que sempre fora”, criticando o “abandono sistemático de todas as actividades económicas, culturais e turísticas dun goberno que non está coidando os distintos sectores”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button