EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Lula Fidalgo, mención de honra da XVII Festa do Botelo do Barco

O Concello do Barco homenaxea este ano á pulpeira que elaborou o xantar da festa gastronómica durante quince anos

Materia prima de calidade, o punto de cocción e o aderezo: bo pementón e bo aceite. Son as claves que marcan a diferenza nun prato de pulpo á feira. Así o asegura Obdulia Fidalgo máis coñecida como Lula, a metade da empresa de pulpeiros que rexenta xunto ao seu home, Francisco Piernas.

Natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras), Lula entrou en contacto co mundo do pulpo ao casar hai xa 36 anos. Cando ela e o seu home Francisco se fixeron cargo da pulpería, o que facían basicamente eran feiras, pero co tempo foron ampliando o ámbito de actuación, e agora preparan pulpo para diferentes eventos, dende festas ou celebracións especiais ata vodas, estas últimas con moita demanda, e aí serven o pulpo para o aperitivo pero tamén poden chear a organizar todo o convite.

Ademais durante quince anos Lula foi a encargada de elaborar o xantar da Festa do Botelo que co tempo foise convertendo no emblema gastronómico da vila, traspasando as fronteiras comarcais e chegando a acadar o título de Festa de Interese Turístico de Galicia. “Cando decidiron facer a festa viñeron xunto a min o alcalde, Alfredo García e o concelleiro de Cultura Eduardo Ojea e dixéronme que tiña que cocer botelos, patacas e verdura para 400 persoas… Era a primeira vez que o facía para tanta xente e foi toda unha aventura que saíu de marabilla”, lembra a propia Lula. Tan ben saíu que do pavillón vello da primeira edición tiveron que pasar ao do Condesa de Fenosa onde se fixo durante moitos anos, xa para 800 persoas, ata que instalaron a calefacción no pavillón de Calabagueiros, onde se celebra dende hai xa uns anos, con máis de mil comensais chegados dende diferentes puntos da comunidade.

Por ese labor desenvolvido a prol do botelo e pola súa traxectoria no ámbito da gastronomía barquense, Lula Fidalgo recibirá a mención de honra da Festa do Botelo deste ano. “Pola súa implicación durante tantos anos, consideramos que o merece”, adianta a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. O acto celébrase este sábado no Teatro Lauro Olmo, xunto ao pregón que dará o pistoletazo á celebración, con actos durante toda a fin de semana.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil e no seguinte enlace: https://www.osil.info/especiales/lula-fidalgo-mencion-de-honra-da-xvii-festa-do-botelo-do-barco/

Artigos relacionados

Back to top button