En portada

Lume na provincia

Rexístranse varios lumes activos en concellos como Viana do Bolo, O Barco, Manzaneda e Ourense

Con incendios se presenta a derradeira fin de semana de agosto na provincia de Ourense. Así o 29 de agosto en Pixeiros (Viana do Bolo) estaba activo un lume dende as 13:40 horas da tarde. Segundo as estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural, a superficie afectada é de 70 hectáreas. No seu control traballan 5 axentes forestais, 15 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 2 avións.

Neste mesmo concello, pero na zona de Pradocabalos, tamén se rexistraba outro incendio ás 14:13 horas. Estímase que a superficie queimada é de 180 hectáreas. Nas tarefas de control participan 1 técnico, 5 axentes forestais, 20 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións, tal e como informa a consellería.

Ao redor das catro da tarde comezaba outro lume no concello do Barco, na parroquia de Santigoso, na zona próxima ao Coutado de Viloira. Un dos brigadistas que traballaban nel tivo que ser trasladado ao Hospital Comarcal Valdeorras por inhalación de fume. O operario permanece en observacións pero non reviste gravidade, segundo Medio Rural. O incendio permanece activo e a superficie afectada, segundo estimacións provisionais, é dunhas 12 hectáreas. No seu control participan 4 axentes forestais, 7 brigadas, 1 motobomba e 1 pa.

Tamén en Manzaneda, en concreto na parroquia de Cernado iniciábase a primeira hora da tarde outro incendio. Está desde as 15:30 horas e a superficie queimada cífrase, de xeito provisional, en 250 hectáreas de Rede Natura. No seu control participan 3 axentes forestais, 14 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

Por outra banda Medio Rural e do Mar declaraba ás 17:36 horas, como medida preventiva, a “Situación 2” no incendio forestal activo na parroquia ourensá de Cudeiro. “Esta situación operativa de emerxencia declárase porque o lume pode afectar á poboación e a bens non forestais e require a adopción inmediata de medidas de protección e socorro”, segundo a consellería. Esa “Situación 2” desactivábase ás 19:43 horas.

O lume comezaba ás 16:10 horas e permanece activo. Segundo novas estimacións provisionais a superficie afectada é de 35 hectáreas. No seu control traballan 1 técnico, 7 axentes forestais, 14 brigadas, 13 motobombas, 2 helicópteros e 9 avións.

As fotos desta galería de imaxes pertencen, por orde de aparición, aos lumes de Cernado (Manzaneda), Pradocabalos (Viana do Bolo) e O Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella/ cedidas

Artigos relacionados

Back to top button