CulturaCulturaÚltima hora

“Luppo” comeza na Rúa a xira por teatros galegos

Baobab Teatro porá en escena a súa última obra o domingo 28 de febreiro no Centro Cultural Avenida
Unha escena de Luppo, de Baobab Teatro.
Unha escena de Luppo, de Baobab Teatro.

O domingo 28 de febreiro ás seis da tarde, o Centro Cultural Avenida da Rúa acollerá a representación de “Luppo”, a última produción de Baobab Teatro, premiada como Mellor Espectáculo Infantil na XVIII Feira de Teatro de Castela e León 2015.

O espectáculo, pensado para público dende os 4 anos, dura uns 50 minutos e nel conviven actores de carne e oso cos títeres, que, coma a escenografía e o atrezzo, están feitos en cartón. Tal como explican dende a compañía, “Luppo” fala de sentimentos e emocións, do ciclo da vida, do apego coas persoas… “É un espectáculo que enxalza a importancia das relacións humanas independentemente da idade, e o máxica que é para os pequenos a influencia dos avós, avoas, veciños maiores, tíos, tías… que nos agasallan con tanta experiencia, tanto coñecemento e tanta paciencia”. Na dirección está Óscar Ferreira e sobre o escenario, Andrea Bayer, actriz e dramaturga e Xosé Manuel Esperante, actor cunha ampla experiencia teatral, cinematográfica e televisiva.

A Rúa será a primeira parada da compañia coa obra, que xa no mes de marzo poderá verse en diferentes espazos: na Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames; no Teatro Principal da Estrada; no de Pontevedra; e no Auditorio Municipal de Cambados. Ademais, Baobab está a preparar a estrea do seu próximo espectáculo “A lúa e o lobo” para o día 11 de marzo.

Artigos relacionados

Back to top button