Ourense

Luz verde ao Centro Interxeracional de Amancio Ortega en Ourense

A xunta de goberno local outorga a licenza definitiva para comezar ás obras, que se emprazarán en Mariñamansa
Unha maqueta das vistas interiores do futuro Centro Interxeracional.
Unha maqueta das vistas interiores do futuro Centro Interxeracional.

O Concello de Ourense concede a licenza definitiva para as obras do Centro Interxeracional que a Fundación Amancio Ortega construirá en Mariñamansa. O expediente abordouse na sesión de hoxe da xunta de goberno local, na que tamén se trataron outros 23 proxectos sobre diferentes áreas municipais.

Maqueta dos exteriores do edificio financiado pola fundación de Amancio Ortega en Mariñamansa.
Maqueta dos exteriores do edificio financiado pola fundación de Amancio Ortega en Mariñamansa.

O proxecto consiste na construción dunhas instalacións que albergarán unha escola infantil de seis unidades e un centro de formación e aprendizaxe para persoas maiores. Segundo apuntan dende o Concello, trátase dun dos proxectos “máis singulares e importantes da cidade”, que será financiado integramente pola Fundación Amancio Ortega.

O futuro centro, que estará integrado dentro da Rede de Esecolas Infantís de Galicia, emprazarase na rúa Ramón Abellás, en terreos achegados polo Concello. A superficie total é de 4.480 metros cadrados. A redacción do deseño correrá a cargo do arquitecto Rafael Pier.

Deste xeito, a escola infantil estará dotada de seis aulas, espazos de usos múltiples, comedor, baños e vestiario adaptado, zona de cociña e despensa, almacén e patio propio, entre outros.

Pola outra banda, o centro de maiores estará equipado con seis salas para actividades, convivencia e usos múltiples; aseos e vestiario adaptado, sala de curas, lavandería, comedor e patio.

Entre outros asuntos, fóra da orde do día e polo trámite de urxencia, aprobouse o expediente para contratar a execución do proxecto básico e de execución do edificio para o traslado provisional dos postos do mercado da Praza de Abastos nº1.

Do mesmo xeito, aprobouse tamén o gasto, para esta anualidade, por un importe de 725.998,98 euros. O orzamento do edificio provisional que se ubicará no paseo central da Alameda é de 599.999,16 euros máis IVE.

Artigos relacionados

Back to top button