49 Rallye Ourense Termal

Maceda, o tramo descoñecido da 49 edición do Rallye de Ourense

Recupérase o percorrido por esta localidade tras dúas décadas, que se combina con clásicos coma o Canón do Sil
O tramo do Canón do Sil, o clasico que se mantén na 49 edición do rallye.
O tramo do Canón do Sil, un clásico que se mantén na 49 edición do rallye.

Ourense quenta motores para esta fin de semana. Todo está a punto para celebrar a 49 edición do Rallye de Ourense-Ourense Termal (49ROU). Os pilotos xa deben ter estudado até o último kilómetro desta proba, que por vixésimo octavo ano consecutivo, é puntuable para o Campeonato de España de Rallyes de Asfalto. Non obstante, aínda que dende a organización -a Escudería Ourense- definen o percorrido como “moi similar” ao de edicións pasadas, hai un punto no que, de seguro, os participantes terán que prestar maior atención: o tramo de Maceda, que se recupera tras dúas décadas. Convértese así no tramo sorpresa desta edición.

Pero antes de chegar a estas alturas, cabe comezar polo inicio. A proba automobilística máis importante de Galicia -e a segunda de España- arrinca o venres 17 pola tarde co tradicional tramo espectáculo de San Cibrao, na Cidade do Transporte do polígono industrial. Serán 3,33 km que nesta ocasión só se farán unha vez, pois non se volverá a el o sábado como doutras veces. E ademais, o seu percorrido duplícase, xa que os participantes terán que dar dúas voltas case completas ao trazado.

Xa na xornada do sábado, os participantes farán dúas pasadas aos tradicionais tramos de A Peroxa (27,63 km) e Toén (15 km). Aínda que na súa esencia conservan o nome, ambos trazados contan tamén con lixeiros cambios. Así, na Peroxa suprímese a zona estreita inicial, sendo a partir de aí idéntico ao do ano pasado. No caso de Toén, hai algunhas variantes, iniciándose de forma similar ao rallye de 2010 para transitar na súa parte final polo que antigamente era a especial de Puta, aínda que sen perder a espectacular rotonda na mesma vila de Toén.

Tras o reagrupamento en Ourense cidade -no Parque de San Lázaro-, a tarde comeza co tramo por Esgos, de 15,48 km. Nesta ocasión terá un percorrido máis curto ao tradicional das últimas edicións, que se corría baixo o nome de San Pedro de Rocas. Comezará en Triós e rematará en Niñodaguia. E a continuación tocará pasar por Maceda. É un trazado de 13,42 km que terá saída nas rúas da vila, finalizando logo en Baldrei. Colle parte do trazado que xa se fixo nos anos 1994 e 1995, pero tamén terá unha zona inédita.

Sen embargo, pese aos cambios e ás novidades, os pilotos terán un trazado combinado tamén con grandes clásicos. O tramo do Canón do Sil (32 km) repetirá o mesmo esquema da edición anterior, co inicio no centro urbano de Castro Caldelas. Este é un dos percorridos con maior espectacularidade de toda a proba, que rematará xa de noite no Parque de San Lázaro, coa entrega dos trofeos arredor das 22h.

Texto: Sara Fontenla
Foto: Gonzalo Belay

Artigos relacionados

Back to top button