DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Maceda, sede duns campionatos de España BTT para a historia

O bronce de Pablo Rodríguez en elite masculino ratifica a calidade do macedán no seu primeiro ano na categoría

Intensa, apaixonante e tamén festiva. Así era a fin de semana do 15 ao 17 de xullo en Maceda. Tres días nos que a localidade ourensá se convertía no epicentro nacional do BTT coa celebración dos campionatos de España que reuniron a máis de 400 bikers, entre eles os mellores do mountain bike nacional (Valero, Coloma, Hermida, Rodríguez,…).

Despois da primeira xornada na que a selección galega, cos macedáns Pablo Rodríguez (MMR Team) e Iván Feijóo (CC Maceda) lograba a medalla de prata na proba de relevos por seleccións autonómicas (TR); e da Cross Country Eliminator (XCE), todo un espectáculo polo centro de Maceda que lideraban os cataláns Gerard Alvarez, Marti Noguera e Adria Noguera; chegaba a terceira e última xornada na que os mellores bikers de España se xogaban o podio nacional.

As primeiras en correr na mañá do domingo 17 de xullo por un circuíto duns catro quilómetros polo entorno do río Maceda, eran as mulleres (categorías elite, sub 23 e júnior), e de seguido arrancaba a carreira júnior masculino na que o ciclista do CC Maceda, Iván Feijó, lograba a segunda prata para a selección galega.

E xa ás 13:15 horas, nun dos días máis calurosos do ano, arrancaba a proba estrela, a XCO elite masculina na que os catro mellores bikers de España copaban o podio. O local Pablo Rodríguez, membro do MMR foi o gran ovacionado. En Maceda todo o mundo se volcou cos campionatos pero moi especialmente co ciclista que sitúa a Maceda e á súa escola de ciclismo no máis alto do BTT internacional. Arroupado pola afección, Pablo loitaba polo podio e non defraudou, logrando a medalla de bronce e o triplete para o seu equipo. Carlos Coloma (ouro) e David Valero (prata) completaron o podio. Jose Antonio Hermida (horiundo de Maceda) era cuarto.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button