OurenseÚltima hora

Magín Blanco pon música ao acto de entrega do XVI Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración e ilustración

O acto, no que foron galardoados o escritor Rafa Vilar e a ilustradora María Villarino, tiña lugar en Maceda

 

Convertendo aos nenos do público en protagonistas dun fin de festa lúdico e cultural, o músico rues Magín Blanco foi o encargado do apartado musical do acto de entrega do XVI Premio “Pura e Dora Vázquez” de literatura infantil e xuvenil, nas súas modalidade de narración e ilustración, celebrado na mañá do 4 de febreiro no colexio público de Maceda.

No salón de actos do colexio, coa presenza dun cento de alumnos e profesores, ademais dos premiados nesta edición: o escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), quen acadou o galardón pola súa obra Os outros oficios, e a ilustradora ourensá María Villarino, o presidente da Deputación Manuel Baltar destacou que este galardón lembra “a dúas mestras da palabra, como foron Pura e Dora Vázquez, que hoxe estarían orgullosas de ver como esta XVI edición do premio se entrega en Maceda”, e felicitou aos gañadores pola calidade das obras premiadas, literaria e artística, “e por cohesionar letras e arte para imaxinar eses outros oficios de fantasía e ilusión”.

Tamén quixo agradecer o presidente o traballo levado a cabo polos alumnos do colexio nas ilustracións que realizaron, inspiradas na obra premiada este ano. “O público infantil e xuvenil é prioritario no ámbito da literatura, e así seguiremos apoiando desde a Deputación de Ourense iniciativas como este premio, que fomenta a creatividade poñendo en valor a nosa lingua, o noso gran tesouro, un fulcral instrumento de comunicación”, expresou Manuel Baltar.

O xurado desta edición valorou a obra gañadora como “un texto excepcional desde o punto de vista literario, de coidada prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua”, mentres que en relación ás ilustracións destacou que convidan “ao pensamento e á reflexión, e teñen un destacado compoñente de misterio e imaxinación”. O galardón, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 € para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas.

Artigos relacionados

Back to top button
Close