CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Magín Blanco presenta unha nova produción músico-teatral

O cantautor rues estreará A nena e o grilo máis aló, o 28 de outubro en Narón (A Coruña)
Magín Blanco no SilFest, no Barco de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.

Hai anos que o cantautor rues Magín Blanco deixou o seu lado máis rockeiro, cambiando o público de La Rosa por un máis infantil, centrado especialmente nos cativos pero con opcións para toda a familia.

Nesa nova etapa, nace hai xa uns anos a Nena e o Grilo, un proxecto musical que nace co álbume O país das Apertas continuando pouco despois con A nena e o grilo nun Barquiño, dous traballosmoi ben acollidos polo publico, mesmo con representacións fóra de Galicia coa súa tradución ao castelán.

O fío condutor destas obras son dous personaxes como reflexo das nenas e nenos no seu camiño da vida, percorrendo o mundo que os rodea e transformándoo nunha aprendizaxe constante. A maxia de entrar nunha biblioteca e viaxar pola música, descubrir a poesía, a igualdade, as cousas que di o silencio, as apertas, a busca do sentido dos nosos corazóns… Todo iso, xunto a pillaría destes personaxes, fan que o publico, grandes e pequenos, se entreguen a un espectáculo inesquecible.

Da Nena e o Grilo nun Barquiño, xurdiu unha peza moi visual, poética, onde a música foi a protagonista e os personaxes un acompañamento, contando coa colaboración de Teatro Ghazafelhos e agora chega unha nova entrega A nena e o grilo máis aló cunha historia cun espectáculo que estrearán o 28 de outubro en Narón (A Coruña).

Nesta nova proposta, a nena e o grilo esmagan sen querer á súa amiga Xertrude a araña… Buscando un xeito de devolverlle a vida, atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da música ao país dos mortos onde tentarán atopar a Xertrude para traela de volta. Trátase dunha historia divertida e evocadora que nos transporta ás búsquedas máis insólitas. A interpretación musical en directo acompañará a peza, e todas as composicións musicais son de Magín Blanco, grande coñecedor do público infantil despois de catro traballos editados para este sector.

 

Cartel do espectáculo “A nena e o grilo máis aló”.

Artigos relacionados

Back to top button