CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Magosto ao ritmo da música e das regueifas en Cerdeira (San Xoán de Río)

Celebrábase no mediodía do 3 de novembro cunha gran asistencia e foi organizado pola Asociación Cultural Santa María Madalena de Cerdeira coa colaboración da Asociación Cultural RíoMola e do Concello

Tradición gastronómica, musical e dialéctica no Magosto de Cerdeira (San Xoán de Río). Numerosas persoas compartían e participaban desta celebración de outono no mediodía do 3 de novembro arredor da mesa e xunto a un escenario cheo de actuacións. Así, os asistentes (que superaban as expectativas da organización) compartían un xantar popular (cun prezo de 10 euros para os adultos) a base de empanada, chourizos, pan, bica, castañas e viño.

E ademais compartían unha sobremesa moi especial. Estaba presentada por Sofía Tarela (Gharota da Ribeira), que compartía escenario (instalado nun remolque) con Ari de Cerdeira, co cantante e escritor Xurxo Souto, co acordeonista Manolo Maseda, o rumbeiro Víctor Mordecán e coa performace poética de Sofía de Labañou.

Non faltaban tampouco as sorpresas, como pezas de txalaparta, a cativa Marinha de Burela regueifando e as actuacións da cantante Uxia Cribeiro e o gaiteiro David Vilas. Ari de Cerdeira actuaba ademais con Miguel Veluso de Castro Caldelas e tamén podía escoitarse ao acordeonista local Ángel, ás nenas pandereteiras Icía e Manuela e Dorita de Cerdeira.

Este Magosto estivo organizado pola Asociación Cultural Santa María Madalena de Cerdeira coa colaboración da Asociación Cultural RíoMola e do Concello de San Xoán de Río.

Fotos da autoría de Martinho Ramos.

Artigos relacionados

Back to top button