DeportesÚltima hora

Mailén Aller (Peña Trevinca Barco), 3ª no Campionato Ibérico Feminino de Orientación en Sevilla

A xove orientadora do club valdeorrés facía podio na proba de distancia longa F12
Mailén Aller Pfirter, no Campionato Ibérico de Orientación 2019. /Foto cedida.

Os deportistas da sección de orientación do Peña Trevinca Barco non deixan de dar alegrías ao club. Desta volta tocoulle á xove Mailén Aller Pfirter (F12) que subía ao terceiro caixón do podio na proba de distancia longa, no Campionato Ibérico Feminino celebrado esta fin de semana en El Pedroso, Sevilla.

As distintas carreiras (distancia media, sprint e distancia longa), desenvolvéronse sobre  terreos “excelentes para a práctica de la orientación, onde a vexetación rastreira case non existía e a navegación precisa esixía unha alta concentración para chegar aos puntos solicitados no menor tempo posible”, explican dende o club de orientación do Barco, puntualizando que a xove promesa, conseguíu o terceiro posto detrás das deportistas de Murcia e Madrid, “máis experimentadas neste tipo de terreos”. Na clasificación xeral do evento deportivo, Mailén pelexou ata o último polo terceiro escalón do podio que finalmente foi para a deportista de Cádiz, tendo que conformarse co cuarto posto.

Tal como explican dende o club, estes resultados son froito do excelente traballo de canteira que están levando a cabo nas últimas tempadas, e ratifican os progresos da xove orientadora, despois de lograr o terceiro posto (fóra de competición, posto que nas clasificacións só quedaron as atletas lusas), no Campionato de Portugal de Longa Distancia celebrado en Barcelos hai 15 días.

O seguinte reto para o club valdeorrés será xa a nivel autonómico coa participación nas seguintes probas da liga galega de orientación a pé que se celebrarán os días 1 e 15 de xuño.

 

Artigos relacionados

Back to top button