Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Mailén Aller (Peña Trevinca Barco) comeza a liga galega de orientación a pé cunha vitoria en Lugo

A orientadora valdeorresa lograba o primeiro posto en F18 con 17 minutos de vantaxe sobre a seguinte clasificada

 

Logo da cancelación da proba prevista para o pasado 29 de xaneiro, a liga galega de orientación a pé comezaba oficialmente o sábado 5 de febreiro da man do Club Fluvial, o encargado de organizar esta primeira toma de contacto co monte para os orientadores no mapa do Monte Segade, moi próximo a Lugo.

Tal como explican dende o Club Pena Trevinca Barco, que participou na proba con 5 orientadores federados, durante a mañá os deportistas cubriron percorridos “con elevado desnivel en todas as categorías facendo que a competición tivese unha esixencia física elevada para case todos os participantes”. No caso do Peña Trevinca lograba un espectacular primeiro posto en F18 da man de Mailén Aller Pfirter, “que obtivo 17 minutos de vantaxe sobre a seguinte clasificada”, aseguran orgullosos. Nesta mesma competición Remy Durán Pernas conseguía o cuarto posto na categoría F50.

 

Mailén Aller en Lugo.

 

Xa na sesión de tarde abríase a tempada de sprint no mapa da muralla de Lugo. “Unha carreira ultra rápida, de máxima concentración e na que, de novo, Mailén obtivo o mellor resultado para o Club Trevinca, esta vez o segundo posto a só 16 segundos da campioa da proba”.

O vindeiro sábado 12 de febreiro reanudarase a competición coa proba que se celebrará en Coirós organizada polo Club Pasatempo de Betanzos.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button