En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Maios, coplas, música e teatro para festexar os Maios no Barco

A ANPA Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán sumaba ata catro premios entre os concursos de Maios e coplas

Un desfile abría a Festa dos Maios no Barco. Estas singulares esculturas vexetais, xunto con algún arco floral e o son dunha banda de gaitas, percorrían ao redor do mediodía do 1 de maio o centro da vila ata chegar á praza do Concello, centro neurálxico da celebración. Alí, ademais de contemplar a media ducia de Maios participantes nesta edición, e de votar por eles a través do chamado “voto aberto”, o público podía percorrer unha mostra de artesanía e gastronomía e tamén asistir ao espectáculo da Agrupación A Ponte Vella de Teo, cun fermoso repertorio de baile, pandeireteiras e música tradicional.

En torno a unha e media da tarde soaban as coplas. Nesta edición participaban catro no concurso, pero soamente se recitaban na praza as da Divina Pastora, ANPA Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán e as da Asociación Mulleres Rurais de Veigamuíños.

Xa pola tarde, chegaban os títeres de Falcatrúa Teatro, e ás sete e media un dos momentos máis agardados da xornada: a entrega de premios.  No acto, presentado polo técnico de Cultura, Gustavo Docampo, participaban a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta; o concelleiro de Deportes e Xuventude, Aurentino Alonso; e a concelleira de Xardíns, Cristina Domínguez; ademais da representante do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) Cristina Arias.

Nesta edición facíase co primeiro premio no apartado de Maios enxebres a Guardaría Los Juglares, mentres que o ganador en Maio artístico era a ANPA Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán, que presentaba un Maio que reflexaba a súa reivindicación dun pavillón de deportes para o colexio. Ademais, conseguían o terceiro premio na modalidade de Maios enxebres, o galardón dos Maios do “Voto Aberto” e o segundo premio no certame de coplas.

No caso das coplas o primeiro premio correspondíalle ao Colexio Divina Pastora, que quedaba segundo no concurso dos Maios enxebres.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

 

Artigos relacionados

Back to top button